Sara Fraga: "Moitas persoas chegaron a dedicarse á recollida de patrimonio inmaterial polo amor a súa avoa"

A iniciativa 'Saberes Próximos' procura dar a coñecer, a través dunha páxina web, a rede de entidades e persoas que traballan co patrimonio inmaterial galego. A idea conta co apoio do programa de Proxectos Singulares da Deputación da Coruña e nace da man de Ben Curiosa, empresa de xestión cultural especializada no eido dixital. Nós Diario conversa súa coordinadora, a historiadora Sara Fraga, para coñecer o proxecto.
A historiadora Sara Fraga coordinou o proxecto de 'Saberes Próximos' (Foto: Ben Curiosa).
photo_camera A historiadora Sara Fraga coordinou o proxecto de 'Saberes Próximos' (Foto: Ben Curiosa).

Como xorde 'Saberes próximos'?

A iniciativa xurdiu da Cooperativa Cultural Ben Curiosa. A idea era realizar un mapeado de entidades, colectivos e persoas que na provincia da Coruña se dedicasen a recoller, coidar e preservar o patrimonio inmaterial. Para poder levalo adiante realicei un intenso exercicio de procura desas asociacións, tendo en conta sempre que era algo inabarcábel. É moi difícil chegar a todas esas persoas que traballan a nivel profesional ou no seu tempo de lecer. Tentamos, iso si, que fose representativo.

A intención non era facer un catálogo do seu traballo de campo. Quixemos pór o foco nas persoas e  en cal é a razón de que se interesen por recuperar ese patrimonio e en como o difunden.        

É moi difícil chegar a todas esas persoas que traballan a nivel profesional ou no seu tempo de lecer

Que descubriu?

Primeiro, que só coñecemos unha pequena parte do que hai. Queda moito por recoller e hai moitas persoas que se dedican a iso. 

Despois, decateime de que aínda que moitas veces pensemos case exclusivamente na música e no baile, en realidade hai outros saberes que se transmiten, como é o caso das menciñas e remedios naturais, ou a repostaría e a artesanía tradicional. Estes saberes son patrimonio inmaterial e a maior parte das veces non se asocia con iso, nin se ten en conta. Tamén, sobre todo, o cariño e a implicación que ten co patrimonio inmaterial. Moitas persoas confesáronos que chegaron a dedicarse profesionalmente á recollida de patrimonio inmaterial polo amor a súa avoa ou á xente do rural.

Estamos nos últimos momentos da historia en que se pode recoller directamente o patrimonio inmaterial? 

A xente maior nunca di que o tempo pasado foi mellor. A súa intención é non esquecer o que somos. Niso, a parte presencial é fundamental. Nós o que queremos en 'Saberes próximos' é ter unha páxina web que dea entrada a todos os proxectos que se fan, mais toda esta xente traballa directamente, vai ás aldeas, sexa no tempo de lecer ou en fins de semana. Tamén está nas cidades. A parte presencial é importante por ser na que se colle confianza. Ninguén che vai transmitir cousas tan profundas se non tes confianza con eles.

Creo que non hai que idealizar o pasado, hai que vivir no mundo presente coas tecnoloxías que temos mais sen esquecer quen somos.

Creo que non hai que idealizar o pasado, hai que vivir no mundo presente coas tecnoloxías

Como respira a vida asociativa no rural?

Tivemos respostas moi variadas. Xente que está esperanzada e xente que di que son sempre os mesmos indo a todo. Eu son do equipo que ten esperanza. Creo que hai unha revitalización e hai moita xente que ten ganas de facer cousas. 

Na propia páxina web hai un espazo que chamamos 'Outras redes' no que figuran as relacións que teñen as propias entidades para darse visibilidade unhas ás outras. Desde o momento en que as asociacións toman conciencia da necesidade de traballar colaborativamente, é un bo síntoma da súa saúde.

Que precisarían esas entidades para ter máis doado o seu traballo? 

Non todas as asociacións son iguais. No meu caso, por exemplo, estou nunha asociación con moitas rapazas novas mais hai as que están formadas por xente maior que tamén quere facer cousas. O fundamental, para min, é dar a cada unha o que necesita. É importante a accesibilidade. Se focalizamos todo no eido dixital igual esa xente maior non está tan cómoda. 

As Administracións públicas teñen que facer un exercicio de tentar adaptarse ao seu público. Se para eles é difícil presentar unha subvención de maneira telemática teñen que axudarlles, dar opcións.

Comentarios