Historia da pervivencia da cultura galego-portuguesa

'Ponte... nas ondas!' vintecinco anos coidando o patrimonio inmaterial

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! fai 25 anos neste atípico 2020 e unha das súas maneiras de festexalo é  a súa candidatura, impulsada polas administracións galega e portuguesa, á Lista das mellores prácticas co patrimonio cultural inmaterial da Unesco.
pontenasondas
photo_camera Imaxe do videclip de Voces del más acá para Ponte... nas ondas! (Foto: Ponte... nas ondas!)

Desde escolas, universidades, asociacións e entidades particulares chegan os apoios a esta candidatura, como é o caso do grupo Voces del más acá, que realizou un videoclip con tres temas, incluídos por Ponte... nas ondas! nos disco-libros Meninos cantores e Na ponte.

O grupo vogal escolleu as pezas Máis perto, composta por Uxía e Segundo Grandío, Ponte deste lado, con Guadi Galego e Vozes da rádio e A ponte, do cantante e compositor brasileiro Lenine.

Alén da situación de alarma sanitaria da que tinguiu 2020 a Covid-19, as actividades do 25 aniversario de Ponte... nas ondas! nos centros escolares continuaron durante o confinamento, grazas á disposición en liña de material didáctico de uso interactivo.

Do mesmo modo, mantívose aberta a terceira convocatoria do certame "As imaxes do patrimonio", orientado á difusión do patrimonio inmaterial galego-portugués; e levouse a cabo o obradoiro de radio escolar nos centros educativos, que se centrou desta volta na aprendizaxe da realización de podcasts por parte do alumnado.

Porque a asociación Ponte... nas ondas! comezou o seu traballo de defensa do patrimonio inmaterial galego-portugués e de difusión da radiofonía en 1995, cando os centros escolares da Galiza e de Portugal se unían á radio a través do teléfono e desenvolvían unha xornada anual interescolar.

Só dous anos despois, en 1997, Ponte... nas ondas! facía a súa primeira emisión en liña e, ao ano seguinte, xa se trataba dun proxecto audiovisual que conectaba a través da rede a Galiza e Portugal con Brasil ou Mozambique.

Hai agora 19 anos, Ponte... nas ondas! iniciaba o seu traballo de reflexión teórico-práctica sobre patrimonio oral galego-portugués, un labor que culminou na candidatura da asociación, promovida por centros educativos diante da Unesco, que se presentaba en 2004.

Desde entón, a asociación recibiu multitude de recoñecementos, entre eles, o Ondas pola cobertura do patrimonio inmaterial, en 2014, e o Peña Novo pola defensa da lingua no ano 2017.

Comentarios