MÁIS

Asalto ao Castelo: Volve a rebelión irmandiña

Todo pronto para a gran festa da Costa da Morte.
A toma do castelo é o momento máis intenso da festa de Vimianzo. (Foto: Asalto ao Castelo).
photo_camera A toma do castelo é o momento máis intenso da festa de Vimianzo. (Foto: Asalto ao Castelo).

Desde hai máis de dúas  décadas a Revolta Irmandiña volve pular con forza en Vimianzo, comarca de Terra de Soneira, o primeiro sábado de xullo. É o Asalto ao Castelo. Unha cita que, se a coñeces, repites; e se non, xa estás tardando. Historia, música, lecer, festa, convivio... todo de mans dadas, nunha cita que resulta imprescindíbel.

A festa tivo seu punto de arranque o día 24 de xuño, na VII Legua Irmandiña, deporte e revolta para todas as idades. 30 de xuño e 1 de xullo son datas e palabras maiores. A música vai ser protagonista. Dous destes concertos terán un significado especial, un de regreso e outro de despedida. Os que volven, o mítico grupo Lamatumbá, que por fin pisará o torreiro irmandiño. Por outra parte, o concerto de Huntza en Vimianzo será das últimas oportunidades para ver en escena este grupo vasco de festa garantida. De Vacas, Monoulious DOP e Festicultores completan un cartel de luxo, a banda sonora que toda festa quixera ter.

Mais a música non o é todo. Aí está o gran protagonista: o asalto, no que a veciñanza de Vimianzo e comarca, así como centos de visitantes, se implican a fondo. A representación adoita realizarse en clave de humor, surrealismo e retranca. As persoas asistentes convértense en asaltantes e comparten escena coa persoa guerreira, meiga, defensores e todos aqueles personaxes que se vaian creando para cada edición en historias diferentes. Estes personaxes guían os participantes nun percurso físico cara ao castelo, onde se realiza a toma simbólica do mesmo contra o poder dos señores feudais.  Mais un ano, o espírito Irmandiño volve ecoar por toda a comarca: Deus fratresque Gallaecia!

Comentarios