CONTRACULTURA

Andrea García: "Galiza ten unha cultura riquísima de mitos e contos de lareira, que me marcaron de nena"

Andrea García, autora de Animais fantásticos de aldea, de Xerais.
Andrea García continúa a súa formación en Deseño de Interiores. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Andrea García continúa a súa formación en Deseño de Interiores. (Foto: Nós Diario)

Andrea García xa ilustraba e escribía as súas propias historias desde nena. A partir do 8 de xuño conta tamén coa súa primeira obra publicada, Animais fantásticos de aldea (Xerais), onde pon en marcha toda esa creatividade e a súa formación en ilustración na Escola Superior de Arte e Deseño Antonio Faílde (Ourense).

Sendo a súa primeira obra, como viviu o proceso de escrita?

Pareceume moi enriquecedor e unha vía de escape. É certo que non foi doado porque estaba bastante perdida, despois axudáronme moito na editorial, e tampouco sabía moi ben que mostrar e que non nas ilustracións, porque ao final era a primeira vez que as aplicaba a algo profesional, fóra dos traballos académicos. Eu estaba rematando a formación e sabía que quería tomarme un tempo para facer algo relacionado coa ilustración, mais tamén coa escrita, e un profesor recomendoume coller un caderno e anotar ideas, aínda que non lle dera a maior importancia. É un gran consello que serve para moitas cousas. 

Lembro que estaba facendo a cama e pensei no título, Animais fantásticos de aldea, e xusto enriba tiña escrito "procesión de Xás". Tamén tiña moitas máis ideas, que inclusive estaban máis desenvolvidas e pensei que eran máis interesantes, mais o meu profesor preguntoume que era isto en concreto e de que trataba. Xusto chegou o confinamento e eu decidín crearme unha rutina na que de dez da mañá até as dez da noite ía para un pequeno taller que tiña no xardín. Foi un pouco a miña salvación porque todos os días me sentaba xusto diante da ventá a traballar. 

Como decidiu achegarse á editorial?

Acabei de ilustrar a obra cando levantaron o confinamento, o que para min foi un pouco ese sinal de que o libro estaba rematado, mais non falei con Xerais até o verán de 2021. Achegueime para levarlles o libro e o certo é que foron moi agradábeis comigo. Dixéronme que despois do verán contestaban e en outubro, como non sabía nada, eu xa pensaba que ían dicir que non, mais finalmente dixéronme que lles parecía que tiña calidade e que querían darme unha oportunidade, xa que era tan nova. A verdade, impresionoume moito que unha editorial tan grande e que leva tantos anos non teña reparo en deixarnos un oco as persoas novas e que estamos comezando a expresar o que temos. 

Que cre que poden aprender as crianzas con esta historia?

Principalmente está pensada para entreter, mais tamén quería achegar a tradición á actualidade. Galiza ten unha cultura riquísima de lendas, mitos, historias de lareira, que foron as que máis me marcaron sendo nena. A miña intención era achegar toda esta esencia dun modo máis actual, máis na liña dos novos tempos: as aventuras, a imaxinación das crianzas, o xogar cos animais... Creo que este último é un bo elemento para os contos infantís e que ademais transmite esa querenza polo animal de aldea. Parece que sempre falamos de seres mitolóxicos, de dragóns e demais, mais hai unha serie de animais que sempre estiveron aí e aos que hai xente que lles ten tanto cariño como se lle pode ter a un can ou a un gato. Penso que é bonito reivindicar estes animais e a posta en valor do rural. Por exemplo, o ano pasado, o Courel sufriu moitos incendios e houbo aldeas que se deixaron de lado, eu creo que en parte porque non se coñecía o valor que tiñan eses lugares. 

Xa está traballando en novos proxectos?

Teño algunhas ideas, mais si que sinto que agora é máis difícil atopar tempo para desenvolvelas. Non teño a posibilidade de pórme un día enteiro a traballar niso porque sempre hai cousas que facer e ademais a concentración tamén é moi diferente. Con todo, si que sigo traballando nalgunhas ideas cando consigo atopar un oco. Tampouco me gustaría deixar de lado os personaxes desta historia, aínda que estea acabada. Creo que teñen bastante personalidade e que me poden seguir servindo para outras historias. O que si teño claro é que non quero separarme do público infantil porque é o máis enriquecedor para min. Gustaríame explorar o mundo do álbum ilustrado. 

Comentarios