Cultura

O (S8) presenta un formato dual con espírito divulgativo

A Mostra de Cinema Periférico (S8) adiantou as chaves do formato dual da súa XI edición, que terá lugar entre o 27 de setembro e o 3 de outubro na Coruña.  Ás seccións habituais sumarase 'Camera Obscura', un espazo divulgativo que porá o foco en cineastas como Amy Halpern, Tomonari Nishikawa, Alexandre Larose ou Valentina Alvarado.
O (S8) presenta unha edición con contidos dixitais e presenciais.
photo_camera O (S8) presenta unha edición con contidos dixitais e presenciais.

O (S8) Mostra Internacional e Cinema Periférico transcorrerá entre o 27 de setembro e o 3 de outubro explorando un novo formato dual. Nel combinará diversas performances, encontros e proxeccións na cidade da Coruña cunha serie de fórmulas deseñadas para a emisión a través da web e as redes sociais.

Nesta XI edición amosarase máis que nunca o carácter internacional do ciclo: chegará a todos os recunchos do mundo con contidos en galego, castelán e inglés e reforzará especialmente a vertente divulgativa. A formación de públicos e a descuberta de creadoras continuarán a ser dous dos eixos principais da programación. O festival contará con seccións xa coñecidas -"Xerme", "Sinais", "Sinais en Curto", "Desbordamentos"…- ao tempo que incorporará varios formatos e contidos novos, ideados en exclusiva para o dixital.

É o caso de "Camera Obscura", un novo espazo na rede que nace tomando como referencia o coñecido programa de cine experimental "Screening Room". Por este, presentado por Robert Gardner de 1972 a 1981 na televisión pública de Boston, pasaron os máis relevantes cineastas de vangarda do momento, entrevistados en profundidade e coa emisión dalgunhas pezas. Este é o testemuño que o (S8) recolle cun programa en streaming, renovado cunha estética peculiar e unha clara vocación creativa.

O público poderá así coñecer a fondo os procesos de traballo de cineastas como Amy Halpern, Tomonari Nishikawa, Alexandre Larose e Valentina Alvarado, repasando a súa obra a través do visionado online dalgunhas das súas películas. Ademais, nesta sección tamén haberá oco para lembrar a traxectoria dunha das personalidades máis especiais que pasaron polo festival: o recentemente falecido Luther Price. Será a través da guía de Ed Halter, un dos principais promotores da súa obra, e da entrevista inédita realizada a Price durante a súa estancia na Coruña no 2017. O programa complétase coa proxección presencial de dous dos seus primeiros filmes.

Comentarios