CONTRACULTURA

Rubén Pérez: "Ronsel de futuro é moi novidosa no audiovisual ao ser unha webserie que fala de museos"

Rubén Pérez e Brian Rodríguez levan á pantalla a Rede Museística de Lugo
Os directores de 'Ronsel de futuro historias soterradas', Rubén Pérez e Brian Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os directores de 'Ronsel de futuro: historias soterradas', Rubén Pérez e Brian Rodríguez. (Foto: Nós Diario)

Rubén Pérez é un dos fundadores de Señor López Producións, unha compañía teatral e audiovisual que vén de presentar Ronsel de futuro: historias soterradas, unha webserie documental dirixida por Pérez e Brian Rodríguez sobre o 15º aniversario da Rede Museística Provincial de Lugo.

Na webserie, o protagonista vai descubrindo o patrimonio da Rede Museística Provincial de Lugo ao mesmo tempo que o público. 

E máis que o patrimonio, porque aínda que este é importante, baixo o meu punto de vista, acaba quedando nun plano secundario. Os catro museos que compoñen a rede caracterízanse por ter unha actividade moi envolvente para a xente e creo que iso é o que deixa unha maior pegada na webserie, ver como a ficción e a realidade  van mesturándose.

Braulio, o protagonista, vai descubrindo toda unha rede de afectos e de cariño a través das persoas que colaboran no día a día destes museos. Por exemplo, o colectivo de mulleres do Museo do Mar é un grupo de señoras maiores que dá moita vida ao museo e ao revés, o museo tamén lles dá moita vida a elas. A idea orixinal deste produto audiovisual é de Encarna Lago, a directora da Rede, porque dalgunha maneira se decataron de que moitas das cousas que facían non estaban deixando a pegada que lles gustaría. Así, en vez de facer un libro ou algo máis propio dos museos decidiron apostar por facer unha webserie documental e eu creo que foi interesante porque non coñecemos nada similar.

Como foi o proceso de dar forma a esta idea?

Foi un traballo moi longo porque a gravación coincidiu coa pandemia e tivemos que gravar algúns capítulos en condicións difíciles. Con todo, unha vez que nos puidemos pór en marcha foi bastante sinxelo. Estamos bastante orgullosos do traballo que conseguimos coa estrutura de cada capítulo porque logramos crear toda unha rede de ficción que envolve a webserie. Cremos que esa é a pegada máis interesante que deixamos porque, como dicía antes, non temos outros referentes. 

Sendo unha webserie que fala de museos é un produto novidoso dentro do audiovisual, galego e en xeral; cando menos até onde nós coñecemos. Os vindeiros meses iremos facendo varias proxeccións da webserie por diferentes puntos das comarcas da zona, mais tamén queremos chegar a todo o territorio galego e seguir distribuíndoa alá por onde nos inviten. A nosa intención tamén é intentar distribuíla a través doutras canles, alén de institutos e colexios, como poden ser os medios dixitais ou festivais. 

Precisamente, unha destas proxeccións realizárona hai pouco en Bos Aires.

Foi unha experiencia marabillosa que espertou moito interese. De feito, nin sequera chegamos a dobrar a serie, está toda en galego, e foi recibida con moito cariño e moito interese na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade Nacional Tres de Febreiro. Agora, o alumnado, partindo da estrutura que nós propomos, tamén vai facer traballos audiovisuais nesta liña, xa que a propia universidade conta con varios museos, entre eles o Hotel de Inmigrantes, un sitio espectacular que para moitos galegos supuxo o punto de entrada na Arxentina.

Toda a parte audiovisual de Señor López Producións é a que traballo co meu compañeiro, Brian Rodríguez, codirector da webserie e quen a montou enteira, co que iso implica. Despois de pasarnos un mes coa compañía por Arxentina ambos temos unha fonda pegada que nos gustaría tratar, quizais máis como desexo que como un proxecto que poida materializarse a curto prazo, mais gustaríanos desenvolver un documental sobre os camiños de ida e volta que se producen entre a emigración galega de finais do século XIX e comezos do XX e a actual, eses descendentes de galegos que están volvendo de América. 

Aliás, no que respecta a este proxecto, estamos moi contentos de como funcionou e oxalá poidamos ter outra tempada máis, xa que os museos da Rede son un mundo en si mesmo e quedaron moitas asociacións e colectivos sen retratar, toda unha historia que segue viva, porque agora mesmo aínda se están a crear proxectos e iniciativas novas.  

Comentarios