domingo 25/07/21

Rubén Alonso (Xhamain): "É relevante apostar por letras diversas, como en calquera outra lingua, sen tópicos"

Xhamain é un grupo galego que pula por recuperar a mellor época da música galega e que define o seu estilo musical como “metal gótico sinfónico céltico”. Toda unha declaración de intencións coa que a formación aposta por mesturar melodías fermosas con sons contundentes. O seu compositor, Rubén Alonso, e a súa cantante, Mariah Fosado, deron en 2014 os primeiros pasos para que nacese en 2016 Xhamain. No Samaín deste ano sairá o seu novo disco, do que xa hai un adianto en YouTube.
xhamain ruben foto de miqui
Rubén Alonso (Foto: Cedida)

Como naceu o grupo?

Pódese dicir que Xhamain naceu dunha forma bastante casual a finais de 2014. Mariah Fosado, a nosa cantante, era alumna da academia onde traballaba e sigo a traballar (dZetta Music Center, centro oficial Rockschool de Vigo). Eu quería gravar unha demo dunha canción composta por ela. Así que veu ao meu estudio e, ao mesturar algunhas das súas ideas e algunhas das que me viñan á cabeza a min, conseguimos compor unha canción que resultou ser máis que xeitosa. A partir de aí, coincidimos en que se podía formar un grupo en base ao estilo desa primeira canción. A comezos de 2016 xa tiñamos unha formación máis ou menos estábel con varias cancións.

Xhamain é, cando menos, un nome peculiar

Nomear un grupo é sempre unha tarefa delicada. Non se trata de pórlle un nome a unha canción ou a un disco. É o nome polo que te van coñecer, e é interesante que sexa algo que defina o estilo musical e estético dunha banda. Ocorréuseme mesturar os nomes das dúas noites máis máxicas da Galiza: a noite de San Xoán e o Samaín. Desa combinación naceu Xhamain. O h intercalado simboliza unha ponte entre ambas as dúas datas.

Cantos integrantes forman actualmente a súa banda?

Sempre tivemos presente que debíamos ser un sexteto. Agora mesmo contamos cunha batería, un baixo, unha guitarra, unha guitarra e voz masculina, unha gaita e teclado, e unha voz feminina. Evidentemente, o ideal sería ter separadas as funcións duplicadas para que cada unha fose feita por unha única persoa. O problema é que así seríamos oito, e iso acaba por ser prohibitivo en bastantes escenarios que, por motivos obvios, non nos permitirían desenvolver o tipo de música que nós facemos. Por iso decidimos que seis era o número correcto para este grupo.

Que acollida tiveron?

Pois non podemos estar máis contentos. Ao noso primeiro concerto, en 2017, acudiron máis de 200 persoas. Na nosa segunda cita, puidemos ser os abreconcertos dun dos artistas de referencia do metal estatal, Leo Jiménez. Tanto no primeiro como no segundo concerto, aínda non tiñamos publicada ningunha canción nin disco. Despois diso, tivemos un parón indefinido. Agora volvemos con máis forza, cun vídeo que presentamos en San Xoán e que adianta o contido do noso primeiro disco, que sairá no Samaín deste ano. Para a masterización deste sinxelo e do disco traballamos cunha das referencias mundiais do xénero: Tony Lindgren, que ten un currículo abraiante e moita experiencia con bandas de máximo nivel no metal.

Semella que a música galega está a vivir un novo momento de auxe.

É probábel que a mellor época da música en galego fose a mediados e finais dos anos 90, cando o Xabarín Club era un éxito sen precedentes para a mocidade do noso país. E seguramente non só para a poboación máis nova. Ademais, tamén despuntaron artistas doutros ámbitos como o da gaita. Carlos Núñez é un exemplo dun artista nacional que levou a música galega a un nivel internacional. Actualmente, hai bastantes propostas moi interesantes en diversos estilos e agardamos que a música volva ter ese empurrón de hai anos. Nós queremos pór o noso humilde gran de area para que iso ocorra, evidentemente.

Citou vostede na resposta anterior a música galega -en galego-, á que lle dan especial importancia.

Moita, indubidabelmente. A cultura en xeral, e máis concretamente a música, é un medio clave para a permanencia e a transmisión da lingua. Pensamos que é relevante apostar por letras diversas,como en calquera outra lingua, sen tirar necesariamente polos tópicos. Ao final, nesa diversidade reside a verdadeira normalización lingüística.

comentarios