A Rúa dos Contos abre paso para o XXX Festival Outono de Teatro de Carballo

A programación desta cita internacional principia esta sexta feira, 24 de setembro.
Imaxe do espectáculo 'Technocracia', que estará no mercado carballés. (Foto: Rubén Ruibal)
photo_camera Imaxe do espectáculo 'Technocracia', que estará no mercado carballés. (Foto: Rubén Ruibal)

A narración oral, a través do ciclo Rúa dos Contos, abre camiño para o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) que inicia esta sexta feira, 24 de setembro, a súa XXX edición. A primeira fin de semana de espectáculos apoiarase no saber facer artístico de Alba Grande, Caxoto, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, O'Leo Arremecaghona, The Tetas Van, Brais das Hortas e Izquierdo Sisters, nesas historias que máis se achegan ao público.

Malia que o certame perdurará até o 29 de outubro, non hai tempo para que a axenda baixe de nivel pois en todo momento o público terá unha oferta amplísima e de calidade para coñecer desde o teatro máis tradicional até as novidades nas que traballan as compañías nun marco de entrada de novas linguaxes comunicativas. 

Ese inicio achegando á xente é chave para un "ciclo pioneiro na Galiza", pois esta iniciativa forma parte da programación estábel do FIOT desde hai vinte anos e "mantén desde entón, como un dos seus obxectivos, a recuperación e difusión da tradición oral, tan propia do país e por iso a proposta céntrase, desde hai anos, na programación de espectáculos galegos de pequeno formato".

Esa confianza tamén nos novos formatos amósase ao integrar aquelas propostas que foron gañando terreo na escena galega, tales como o novo circo ou o cabaré.

Aliás, o certame principia con “catro estreas absolutas” que serán levadas a carballo por Ángela Triana, Talía Teatro, Caxoto e Pallasos en Rebeldía. Outra novidade desta XXX edición será o ciclo Noites de Troula no mercado de abastos, onde actuarán cómicos como Xosé A. Touriñan (8 de outubro) e Luis Piedrahita (12 de outubro). 

As 'rave' e as excursións, parte da axenda 

En calquera caso, antes comezarán tanto as propostas en sala como o XI Ciclo Otni, ou Obxecto Teatral Non Identificado. Na primeira sesión, este sábado, Funboa Escénica amosa a súa Technocracia, para a que recupera “a esencia das festas techno ou raves”.

Por outra parte, a organización tamén preparou excursións nas que o festival se despraza baixo o nome Fiot en ruta, que comezará o día 28 de setembro. Este proxecto consiste en levar as representacións teatrais a zonas máis rurais ao módico prezo de 5 euros a entrada. No Centro Social de Cances actuará a compañía Berrobambán, que levará a obra A carreta fantasma. Será o día 9 de outubro ás 19 horas. O día 12, á mesma hora, Chévere se desprazará até Berdillo.

Comentarios