Un roteiro para recuperar o espírito das Irmandades

No marco das xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela”, a asociación cultural O Galo organiza este sábado un roteiro guiado por lugares históricos vinculados ás Irmandades. Con esta actividade, a entidade busca difundir e recuperar o espírito de quen foi xerme do nacionalismo galego.

o galo
photo_camera Isabelle Kerdudo e Marcos Maceira, membros do comité organizador das xornadas, durante a presentación

O investigador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, guiará este sábado o roteiro que percorrerá Compostela este sábado, 22 de outubro, no marco das xornadas "As Irmandades da Fala en Compostela", organizadas por O Galo.

Aberto a toda persoa que goste de participar e de balde, o roteiro partirá ás 12h do número 21 da rúa do Vilar, que en 1916 acollía o Círculo Católico de Obreiros. Foi alí onde o edil Luís Poteiro Garea, o 28 de maio dese mesmo ano, pronunciaba o discurso fundacional da Irmandade da Fala de Compostela. Na súa intervención, Porteiro Garea daba conta da situación política, económica, lingüística, social e cultural da Galiza do momento.

Ademais, as persoas que se sumen á andaina coñecerán emprazamentos de referencia como a Acibechería, a rúa de Abril Ares, San Clemente, a praza da Universidade ou a rúa das Hortas, espazos habitados ou onde desenvolveron o seu labor membros da Irmandade de Compostela.

Con actividades como esta, O Galo promove un achegamento á historia das Irmandades desde un punto de vista máis humanizado.

As xornadas

As primeiras xornadas das “As Irmandades da Fala en Compostela” decorreron os días 13 e 14 deste mes, mais, alén do roteiro, haberá ocasión de participar noutras palestras, como as que terán lugar do 21 ao 25 de novembro na Facultade de Filosofía da USC.

"As Irmandades da Fala en Compostela" teñen como obxectivo divulgar o seu legado en todas as vertentes e contribuír á creación da conciencia nacional e do país. Tamén servirán como mostra de que as Irmandades ergueron Santiago como símbolo de Galiza. A cidade aparece en moitas das creacións de distintos integrantes.

A programación completa das xornadas pode consultarse nesta ligazón.

Comentarios