Contracultura

Rosa Estévez Gantes: "Que a miña obra chegue e conecte coa rapazada é o mellor que pode pasar"

Rosa Estévez Gantes acaba de publicar 'Soños á beiramar', un conto con ilustracións de Rafa Antón e editado por Kalandraka. A historia ten a ver coa saudade de vivir lonxe do país, da amizade e, como explica a propia autora, "da capacidade que teñen as crianzas de seren felices a pesar das súas circunstancias vitais". Con este conto, acompañado das ilustracións de Antón, que ofrecen gran luminosidade e plástica ao relato, Estévez busca achegar luz e esperanza para curar a morriña.
Rosa Estévez Gantes presenta a súa obra 'Soños á beiramar', editada por Kalandraka. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rosa Estévez Gantes presenta a súa obra 'Soños á beiramar', editada por Kalandraka. (Foto: Nós Diario)

—De que trata Soños a Beiramar e como foi o seu proceso de redacción?
Falo da saudade, da amizade, das confidencias e da capacidade que teñen as crianzas de seren felices a pesar das súas circunstancias vitais. O conto está inspirado nun paseo que dei con dúas nenas moi queridas. Ambas as dúas compartían a mesma circunstancia de estaren lonxe do seu país.

Nese paseo emerxeu unha gran saudade coa que me identifiquei moito, pois o que elas estaban vivindo tamén o vivira eu nalgún momento ao estar lonxe da miña terra. En especial, unha das nenas transmitía unha saudade tan grande e tan dolorosa que me impactou moito, por iso quixen facer unha historia dese paseo. Aínda que a saudade é un sentimento presente ao longo da obra, buscaba que fose un conto luminoso e esperanzador.

—Por que decidiu que as protagonistas fosen dúas nenas?
Por unha parte, polo paseo no que me inspirei, pero por outra o feito de que fosen nenas permitíame levar o conto a cuestións relacionadas coas discriminacións que vivimos as mulleres. Pode ser algo simbólico, mais na obra hai unha escena na que as protagonistas voan un papaventos como un desexo de manifestar a vontade que sempre tiven de xogar eu mesma cun deles. No Brasil, era moi común que só xogasen os nenos cos papaventos, as nenas só mirabamos, por iso quixen reivindicar que nós tamén podemos facelo.

—Que considera que é preciso ter en conta á hora de escribir para crianzas?
O tema pode ser calquera, pero coido que o máis importante é que aquilo que se conte comunique. É fundamental que as crianzas perciban unha historia que poidan relacionar coa súa realidade e cos seus sentimentos; coa que se poidan sentir identificadas. Nas presentacións deste conto puiden comprobar que a miña historia chega e conecta coa rapazada, e para min iso é o mellor que pode pasar.

—En que situación se atopa a literatura infantil a nivel galego? Como ve o panorama?
A literatura infantil galega é moi rica, tanto a nivel editorial como de autoría e de ilustración; coido que goza dunha saúde extraordinaria. Sempre existe o temor de que os libros poidan ser substituídos polas novas tecnoloxías. Con todo, coido que de momento conviven como dous camiños paralelos. As crianzas seguen entusiasmándose cos contos escritos, pois o que importa son as historias e como se conten, como cheguen á rapazada.

—Considera que desde as Administracións públicas se está a fomentar a produción de obras infantís en galego?
Os nenos e as nenas da Galiza teñen o dereito de poder ler, comentar e compartir todo o abano cultural ao que poidan acceder en galego. É o seu dereito, e non podemos prescindir del, mais coido que neste terreo aínda queda moito por facer.

Debería existir unha continuidade na produción literaria, pois non consiste só en editar libros, senón en que eses libros cheguen ás crianzas. Debería haber máis bibliotecas, máis presentacións, máis contacontos e máis vías mediante as que chegar ás crianzas dun modo directo. Editar por editar non ten sentido, hai que levar os contos á rapazada.

—Seguro que ten algún proxecto próximo en mente.
Teño moitas ideas na cabeza. O problema é que o meu tempo é moi fragmentado. Podo escribir algo moi rápido pero todo o proceso posterior de depurar e corrixir é moi longo; pasa moito tempo até rematar unha historia.

Dedico unha gran parte da miña vida ao teatro amador e teño escritos moitos textos para teatro sen publicar. Así seguirán até que decida abrir esa caixa de Pandora.

Comentarios