Rompente revela a Sermos Galiza 'que hostia din os rumorosos'

Non esquezas procurar o semanario que estará nos puntos de venda habituais o sábado e que analiza o percorrido do Partido Galeguista e reflexiona sobre a traxectoria multidisciplinar do creador Fernando Blanco.
O grupo Rompente fala dos seus proxectos na entrevista da semana. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O grupo Rompente fala dos seus proxectos na entrevista da semana. (Foto: Nós Diario)

O Grupo Rompente aterra na capa de Sermos Galiza desta semana para sorprender, case 40 anos despois, coas confesións sobre os seus proxectos actuais e futuros.

A entrevista que Manuel Xestoso fai a este colectivo, titulada ‘Grupo Rompente. A vangarda que volve’, Manuel M. Romón, Alberto Avendaño e Antón Reixa aluden á publicación do libro Que hostia din os rumorosos.

Con esa estrea de actualidade, non podía ser doutra forma. Porén, este grupo que revolucionou o mundo cultural galego tamén fala de literatura, de loita social, do que cabía antes na radio e do que cabería hoxe, de proxectos culturais e de medios de comunicación. Unha conversa imperdíbel...

De política e arte

Como tamén o é a reportaxe de Xosé Barros sobre o traballo do galeguismo para “tronzar os valos históricos que cercan o noso país”.

En ‘Partido Galeguista. A porta a un novo estatuto’ hai tempo de analizar o destino da Galiza como nación, de aludir ao propio estatuto, de coñecer un proxecto político e de afondar na historia propia.

O terceiro gran tema que atoparás nos quiosques e puntos de venda habituais -así como na nosa tenda en liña- este sábado é ‘Fernando Blanco. Voltar á orixe’.

O texto que asina Iago Valverde alude ás facetas deste profesor xubilado como artista multidisciplinar, que sae das aulas pero segue dando entrada a novas propostas pictóricas, escultóricas e arquitectónicas.

Propostas inspiradoras

Se como lectora ou lector decidiches, despois de acompañar a Blanco na súa historia, que ti tamén queres crear sempre podes inspirarte camiñando e vendo co Colectivo Xea -Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta- polo ‘Roteiro de interese múltiple de Parada do Sil’.

Prefires que sexan os libros ou a música os que che movan as musas? Tamén tes recomendacións para ir por ese camiño. Esta semana Mario Regueira fálache de Galegas na ciencia de Isabel Blanco e Inma Otero Varela propón a lectura de Ave do paraíso de Lorena Conde.

Na parada musical, Fernando Montenegro analiza o traballo Wiz de Carimbo Porta-Jazz e Andrés Díaz Patos fai memoria para escribir ‘A capela flamenga recunca na Galiza’.

Neste número, a escolma cinematográfica de Andrés Castro bota o freo sobre o filme Malencolía de Alfonso Zarauza e despois de pasar polas salas (ou antes) de seguro que apetece a ‘Viaxe gastronómica á República helénica’ que cociña Anxo Fole coa compañía dos viños de Vide, vide! A carta tamén inclúe os habituais quebracabezas ideados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Non queres agardar máis por Sermos Galiza? Descoida, atoparalo este sábado no quiosque ou na nosa loxa en liña xunto a un novo Nós Diario. Tes preguiza polos trámites? Recomendámosche facer xa a subscrición!

Comentarios