Román Pereiro, académico de honra da Real Academia Galega de Belas Artes

O crítico e coleccionista percorreu os instantes máis felices da súa vida en contacto coa arte e gabou o labor de Atlántica: "Sensibilizou as mentes e espertou alertas en estamentos oficiais".
Quintana Martelo xunto a Román Pereiro este sábado no Museo Marco de Vigo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Quintana Martelo xunto a Román Pereiro este sábado no Museo Marco de Vigo. (Foto: Nós Diario).

O médico, fotógrafo, escritor, crítico e coleccionista de arte Román Pereiro Alonso ingresou este sábado na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba).

Fíxoo durante un acto celebrado no salón de actos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) cun discurso titulado "Encontros na felicidade" na presenza do presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo e outros académicos da institución, así como o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entre outras personalidades.

Quintana Martelo deu unha agarimosa benvida a Román Pereiro á Academia, na que ingresa con "sobrados e merecidos méritos".

O espertar artístico

"Non se pode falar de Atlántica sen falar de Román Pereiro, que foi quen de activar e vertebrar o proxecto, e como mentor, impulsor e creativo intelectual estará sempre ligado a aquel colectivo que irrompe con forza na plástica galega en Baiona en 1980", indicou.

Román Pereiro (Vigo, 1933) iniciou a súa disertación falando dos inicios, de como desde ben novo a temática da arte foi modulando unha personalidade paralela á medicina, "dualidade que vivín con grande apaixonamento". Así, desenvolveu a súa vida facendo un seguimento continuo dos aconteceres artísticos, aprendendo dunha sabia convivencia no mundo da arte, de grandes amigos artistas e críticos de arte que lle aportaron vivencias plenas de felicidade, ata o punto de recoñecer que os artistas foron so seus grandes mestres.

A través de pequenos encontros de felicidade foi narrando o transcorrer da súa vida como dinamizador da arte galega desde a súa cidade natal. Lembrou os veráns felices que pasaba na aldea dos Ánxeles, no concello da Estrada, onde espertaba nun mundo afastado, de novas sensacións, afectos e múltiples encontros.

Alí compartiu experiencias co seu curmán José Rafael Pereiro Miguéns que destacaba pola súa personalidade creativa e o seu asombroso dominio do debuxo, ao carón de quen desenvolveu as súas primeiras relacións coa arte e asentou a "sensibilidade".

Santiago, Madrid, París

A comezos dos 50 iniciou os estudos de Medicina en Santiago. Xunto a un grupo de amigos afeccionados á arte organizaron a Primeira Exposición de Arte Universitario de pintura, escultura, fotografía e gravado, onde o propio Pereiro expuxo algunha peza fotográfica coa que conseguiu o Primeiro Premio de Fotografía.

Finalizada a carreira, Román Pereiro trasládase a Madrid para cursar a especialización en Anatomía Patolóxica no Hospital de Atocha, o actual Reina Sofía. De aí o salto a París a onde viaxou cunha bolsa de Relacións Culturais para ampliar os seus estudos.

Con novos amigos, a maioría estudantes de música, comezou unha nova etapa de encontros culturais inesquecíbeis, como as repetidas visitas ao Museo Jeu de Paume onde estaban representados os impresionistas Cezanne, Renoir, Van Gogh ou Monet.

Román Pereiro regresou a Vigo para facerse cargo da clínica de seu pai. Entón comeza a asistir con asiduidade a charlas culturais, visitas a exposicións e encontros con amigos que facían un amplo seguimento da arte.

Arte galega

Pereiro rememorou a exposición de arte do grupo 'O Galo' inaugurada en xuño de 1961 no Hostal dos Reis Católicos de Santiago. Foi a primeira mostra que se presentaba na Galizaa con evidentes intentos de innovación, onde 20 pintores galegos –Jesús Núñez, Lago Rivera, Quesada, Pérez Bellas, Virxilio ou Xoán Ledo– exhibiron as súas creacións, "todos eles unidos por un inconformismo creador e unha liberdade técnica que só se coñecera en moi poucos momentos da historia da arte galega".

Román Pereiro referiuse á explosión da arte galega, que continúa co nacemento da revista Alfar, os Movementos Artísticos da Coruña como o grupo 'Sisga', 'A Carón' e 'A Galga' e a gran Exposición de Escultura ao Aire Libre no Parque Municipal do Castro, en 1974 en Vigo, onde se amosaba a obra de 34 escultores como Chillida, Gabino, Chirino e Subirach, e entre os galegos, Xan Piñeiro, Silverio Rivas ou Acisclo Manzano.

Atlántica

O momento crucial para a arte galega de finais do século XX foi o xurdimento do grupo Atlántica, sinalou. Román Pereiro tivo un papel crucial e mesmo foi o seu presidente.

Á vez que Ángel Huete, Menchu Lamas, Antón Patiño e Guillermo Monroy viaxaban a Nova York, Román Pereiro percorría Baiona pensando no proxecto Atlántica, cuxa primeira exposición se inaugurou en agosto de 1980.

'Atlántica-80' mostrar a realidade plástica galega e o esforzo creativo individual do colectivo sociocultural. "Atlántica sensibilizou as mentes e espertou alertas en estamentos oficiais", destacou durante o seu discurso.

O académico numerario da Sección de Arquitectura, Xosé Manuel Casabella, foi o encargado de dar resposta ao discurso de Román Pereiro. Dada a súa amizade de moitos anos con Ramón Pereiro, 'Mancho', Casabella explicou que este novo ingreso como académico de honra prodúcese non só pola traxectoria e vinculación co mundo do coleccionismo e da promoción da arte, senón tamén polo recoñecemento que se lle debía a Román Pereiro pola "súa frutífera e desinteresada xenerosidade" e pola súa fundamental participación na fundación e consolidación do movemento Atlántica.

Casabella resaltou a importante achega de Román á actualización e modernización da arte galega, a súa implicación, toma de partido e apoio a favor das novas tendencias artísticas, así como a súa imprescindíbel axuda á formación e consolidación do movemento Atlántica que tanta transcendencia tivo na Galiza

Comentarios