Román Pereiro será nomeado este sábado novo Académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes

O crítico e coleccionista de arte pronunciará o seu discurso “Encontros na felicidade” no Marco de Vigo, ás 12:30 horas, e será contestado polo académico Xosé Manuel Casabella.

Roman Pereiro Alonso.
photo_camera Roman Pereiro Alonso.

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará este sábado unha sesión extraordinaria pública para a recepción do académico de honra Román Pereiro Alonso no salón de actos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo ás 12.30 horas. Pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Encontros na felicidade”, que será contestado en nome da Academia polo académico numerario da Sección de Arquitectura Xosé Manuel Casabella. 

Román Pereiro (Vigo, 1933) é un médico, fotógrafo, crítico e coleccionista de arte e escritor. Estudou Medicina en Santiago de Compostela, especializándose en Anatomía Patolóxica en Madrid e ampliando os seus estudos en París.  

Ao seu regreso a Vigo desenvolve un intenso seguimento da arte nacional e internacional e convértese nun activo dinamizador da actividade cultural da cidade de Vigo. 

 

Na década dos 80 incorpórase ao movemento Atlántica. En 1984 pasa a formar parte do Padroado do Museo Quiñones de León. Entre 1985 e 1992 patrocina e dinamiza os encontros “Baiona Horizonte Atlántico” para profesionais e amantes da arte. En 1987 pasa a formar parte do grupo Asesor de Unión Fenosa que levou a bo termo a Mostra Unión Fenosa e as sucesivas bienais de arte contemporánea.

Xa nos anos 90, fomenta a arte e a literatura a través da edición de obras en series limitadas. Coordina, entre 1995 e 1996 xunto a Gloria Moure, a creación da Asociación de Críticos de Arte de Galiza, sendo nomeado presidente durante os dous primeiros anos.

No ano 2002 recibiu a Medalla de Honra da Mostra de Arte Unión Fenosa pola súa colaboración e traxectoria comprometida coa arte galega. E no 2017, recibe o premio da Fundación Manolo Paz polo seu papel como dinamizador da arte contemporánea galega. De 2007 a 2019 forma parte do Padroado xestor da Fundación Laxeiro e desde 2019 continúa sendo membro do comité artístico.


 

Comentarios