CONTRACULTURA

Sol Mariño: “O que tento contar, con poesía ou imaxe, está fóra do evidente. Forma parte dese mundo sutil"

Sol Mariño, artista multidisciplinar, vén de inaugurar a súa exposición Nada me pertence. Tudo faz parte de min na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña) con fotografías das súas vivencias entre varios territorios seguindo a liña do seu recentemente publicado poemario As alas da serpe (Aira).

Sol Mariño recolle as súas vivencias nunha mostra fotográfica e un poemario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sol Mariño recolle as súas vivencias nunha mostra fotográfica e un poemario. (Foto: Nós Diario)

—Sendo fotografías de varios anos e territorios, en que se baseou para facer a selección de imaxes?
Eu estiven vivindo entre o Brasil e a Arxentina desde 2009 até 2016 e durante seis anos non volvín á Galiza. Estas imaxes non son unha viaxe cronolóxica, senón que son as pegadas que o territorio foi deixando en min, como se constrúe o corpo en base a iso e a nosa mirada no mundo. Estas fotografías que presento son do Brasil e da Galiza, mais non é unha narración nin un ciclo de viaxes, eu vivía alí. O que está presente é a fascinación polas pequenas cousas, un exercicio que intento facer sobre o que teño máis próximo, sobre o que constrúe a miña vida cotiá. Ese vínculo co lugar no que habito.

Para min foi unha etapa especial cun crecemento persoal moi grande, mais non quixen presentalo como nada exótico que crea fascinación só por ser diferente, senón que falo desa pequena maxia que intento buscar no día a día. Buscar o exótico da vida no cotián. E iso é algo que penso que forma parte da fotografía e da poesía. De feito, o lugar no que vivía no Brasil era moi semellante á Galiza porque non era na zona da selva, senón no sur. Non hai as mesmas árbores que aquí, mais hai humidade e musgo nas pedras e era algo que me chamaba moito a atención.

—As alas da serpe naceu como outra maneira de reflexionar sobre estas cuestións?
Totalmente, mais dun modo inconsciente. Antes de marchar xa tiña ese costume de ir cun caderno a todas partes, mais o certo é que eses anos en particular escribín moito. Non tiña esa conciencia nin vontade de publicar, tampouco coas fotografías. De feito, o meu modo de compartir estas cousas nos anos anteriores foi facendo feiras, unha práctica que aprendín bastante na Arxentina: montas unha mesa coas túas cousas en calquera lugar con moita xente de forma itinerante. Tamén facía iso cunha caixa polas rúas, ás portas dos museos, compartindo todo isto a xeito de postais ou de fanzines e conversando coa xente.

O primeiro capítulo do libro titúlase O camiño da liberdade fica lonxe da casa, mais ao mesmo tempo unha das citas coas que comeza o poemario é “o regreso é a verdadeira viaxe”, de Úrsula K LeGuin. Penso que nesa contradición está o que eu quero dicir sobre a viaxe, como ese feito de marchar lévache a liberdade dalgún xeito, mais só atopas as respostas até que volves ao teu lugar, que tampouco ten que ser necesariamente o teu territorio de orixe.

—Hai tamén un espírito de caderno de viaxes, tanto nas imaxes como nos textos, non?
Un pouco si. Hai bastantes poemas da Galiza, inclusive algún que escribín antes de marchar a Latinoamérica, mais tamén algúns textos dunha viaxe que fixen a Marrocos, outros que escribín cando aínda vivía en Barcelona, arredor de 2008. Cando volvín á Galiza houbo todo un exercicio de sentarme, revisar os cadernos e revivir todo iso mais coa persoa que era nese momento, por iso digo que non hai unha orde cronolóxica. Non ten esas formas de diario, mais desde logo si é unha amalgama do territorio percorrido no meu corpo e esa forma de atoparme no presente indo, volvendo e habitando outros lugares. Tamén hai viaxes en bicicleta que fixen sendo un pouco nómade e como se relaciona iso co territorio e cos quilómetros percorridos.

O que intento contar, en forma de poesía ou de imaxe, está fóra do evidente. Forma parte deste mundo sutil que aparece cando saímos do noso eu máis racional. Despois de tantos anos compartindo doutras formas, comecei a ter ganas de que alguén máis compartira comigo o proceso de distribución, que non fóra todo tan autoxestionado e levar estas mensaxes doutras maneiras. Por iso, decidín presentar o proxecto a editoriais e pórme en contacto coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Comentarios