Contracultura

Rocío Viéitez (tradutora): "Interesábame centrarme no pobo palestino e traer un libro que fala de resiliencia"

Rocío Viéitez (Campo Lameiro, comarca de Pontevedra, 1975) é a tradutora de O azul entre o ceo e a auga (Laiovento), obra da escritora Susan Abulhawa e que segue a historia dunha familia palestina a través de diversas xeracións de mulleres arredor da Faixa de Gaza.
Rocío Viéitez foto
photo_camera A tradutora Rocío Viéitez é a impulsora da colección Candemaia. (Foto: Nós Diario)

—Por que lle interesou traducir esta obra?
Teño unha lista de libros que me interesa traducir. Moitos deles nin sequera están traducidos ao español porque ás veces custan máis os dereitos, noutras a negociación coa editorial é complicada. Tento traer obras distintas que creo que merecen estar en galego, ben porque para min significaron algo, ben porque traen algo que debemos saber.

No caso de Mociñas (Laiovento), por exemplo, quixen reivindicar un clásico dunha autora que foi unha muller incríbel, mentres que con Soños no limiar (Laiovento) quería achegar a unha gran socióloga que ademais ensinaba o mundo árabe dunha maneira brillante a través da mirada dunha nena. Neste caso, coñecín a autora en 2017 e encantoume. Interesábame centrarme no pobo palestino, mais tamén creo que é un libro que fala de resiliencia desde a primeira páxina até a última.

—Ademais, a publicación chega nun momento no que entender esta realidade parece máis necesario que nunca.
Precisamente, presentei o libro o día 6 de outubro en Gondomar (comarca de Vigo), xunto co escritor Moncho Iglesias, e ao día seguinte foi cando estoupou todo. Nesa primeira presentación falamos dos valores do libro. Moncho, que viviu alí, intentou achegar á xente como se vivía en Palestina, de maneira que non fora algo alleo para o público. Porque nese momento era como se vivía, de maneira xeral, como algo externo. Agora as presentacións son totalmente distintas, todo o mundo ten achegas que facer ou sabe algo das barbaries que están a acontecer.

Mudou moito a forma na que falamos do pobo palestino. Coa miña anterior tradución, Soños no limiar, quixen achegar as realidades. Nas presentacións do libro, intentaba pór enriba da mesa conversas sobre as diferenzas entre unha muller de Fez na década de 1940 e unha muller de Foz nesa mesma época.

E actualmente, coa cuestión de Palestina, intento facer o mesmo porque ademais creo que, se ben había un patriarcado evidente, a sociedade galega foi máis matriarcal. A figura da nai na familia é fundamental. Ás veces dáme a sensación de que hai unha especie de xene perdido entre a literatura árabe e a galega. Se te pos no contexto de buscar similitudes, as persoas que veñen ás presentacións acaban por sentirse máis achegadas a estas realidades. Non lles resulta alleo.

Temos que intentar non mirar coas orelleiras dos cabalos e abrirnos a outras cousas. Precisamente, este é o motivo polo que intento traer este tipo de obras ou outras que están nesa lista que comentaba e que espero, pouco a pouco, poder ir achegando.

—Cales foron os retos que tivo que enfrontar á hora de realizar esta tradución?
En Soños do limiar, a propia autora fai unha tradución das palabras árabes que introduce no texto, orixinalmente en inglés. Neste caso, aínda que tamén está traducido do inglés, iso non está. Por iso, nun primeiro momento pensei en incluír un glosario. Con todo, a autora escribiu o libro pensando nun público norteamericano que, como no caso do galego, non fala árabe.

Quizais esta era a pretensión da autora e por iso ao final tomamos a decisión de non incluílo. Polo demais, hai costumes propios do mundo árabe que aquí non coñecemos e que, polo tanto, hai que saber contextualizar e explicar, mais xa é algo que viña traballando desde outras traducións.

Comentarios