Máis

Ribadavia viaxa ao Medievo

A Festa da Istoria repasa os costumes da época
Festa Ribadavia Capa
photo_camera O baile medieval é unha das actividades máis celebradas na Festa da Istoria de Ribadavia (O Ribeiro). / Nós Diario

Os cabaleiros, os xograres  e os artesáns volveron percorrer onte as rúas e as prazas da vila de Ribadavia (O Ribeiro) co gallo da nova edición da Festa da Istoria. Ao longo das dúas xornadas que restan, o público poderá acceder a múltiples actividades que evocan o espírito medieval.

Hoxe ás 10.30 horas será a apertura do mercado medieval, que permanecerá aberto até as 23 horas, onde se poderán adquirir produtos de artesanía. Pouco despois terá lugar o desfile da Istoria, que percorrerá a rúa Baixada o Consello até o Castelo dos Sarmiento.

A lectura do pregón será ás 11.45 horas e correrá a cargo da asociación veciñal Gastrafetes, unha organización que traballa na difusión e posta en valor da historia medieval en Ribadavia.

Ao medio día abriranse as portas do escenario principal da festa: o castelo dos Sarmiento. Alí se organizarán torneos de tiro con arco, representacións de obras teatrais e recreacións históricas. Tamén está previsto acompañamento musical.

Nesta XXXIV edición regresa a xa tradicional voda xudía. A comitiva nupcial sairá do patio do Museo Etnolóxico e percorrerá as rúas até a travesía Oliveira, onde se oficiará a cerimonia ante o público.

Ás 14.30 horas está previsto o xantar medieval que marcará o fin da sesión matinal. A cita continuará cun concurso de vestimenta medieval. Ao longo da tarde haberá un obradoiro de tiro con arco, unha carreira de pipotes, un baile medieval e un espectáculo de acrobacias e lume. O grupo Tanto nos ten porá o ramo á segunda xornada.

O domingo haberá unha nova oportunidade para achegarse ao mercado artesanal.

Comentarios