A MIT de Ribadavia, gañadora do Premio Rodolfo Prada 2023

A MIT, que cumpre este ano medio século ten convertido Ribadavia na capital do teatro galego, "sendo decisivo na súa profesionalización e converténdose nunha cita de referencia estatal", segundo remarcou o xurado, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
O xurado do premio Rodolfo Prada nunha reunión (Foto: Deputación de Ourense).
photo_camera O xurado do premio Rodolfo Prada nunha reunión (Foto: Deputación de Ourense).

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia foi recoñecida na mañá desta quinta feira co Premio Rodolfo Prada á xestión cultural na edición 2023, segundo recoñeceu o xurado da sexta edición destes galardóns, os únicos nesta modalidade na Galiza. 

A MIT, que cumpre este ano medio século ten convertido Ribadavia na capital do teatro galego, "sendo decisivo na súa profesionalización e converténdose nunha cita de referencia estatal", segundo remarcou o xurado, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O segundo premio desta edición dos Rodolfo Prada foi para ‘A Casa Vella’, un espazo de creación en ar-tes escénicas xestionado pola Asociación Cultural A Casa Vella e que é "un espazo innovador na Galiza e un exemplo dos espazos de creación no rural", segundo o xurado. O terceiro premio foi, pola súa parte, para a asociación fotográfica ‘O Potiños’, do Carballiño, polo seu labor na posta en valor da fotografía da comarca do Carballiño.

Os galardóns complétase nesta edición cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por diferentes artistas de recoñecido prestixio.

O premio

O premio Rodolfo Prada está dirixido a persoas, proxectos ou colectivos que desenvolvan iniciativas culturais dentro ou fóra da Galiza -sempre con claras referencias á cultura galega- e toma o seu nome do galeguista Rodolfo Prada, unha figura histórica da emigración galega en Bos Aires, onde chegou a ser o gran valedor de Castelao.

“Este premio realza ese compromiso que tivo Rodolfo Prada co país desde a emigración, e recoñece o labor creativo relacionado cos conceptos máis tradicionais e modernos da cultura, como as artes escénicas, plásticas, audiovisual, etnografía, letras, música, patrimonio histórico e cultural, industrias culturais e creativas, e proxección exterior da cultura galega”, indican desde a organización do premio.

Comentarios