'Revenidas en conserva' avanza os primeiros nomes

Sés, Zeltia Irevire, Ortiga e Dakidarría.
O Chicho do Funk, Boyanka Kostova
photo_camera Ortiga.

O festival Revenidas deste ano gozará dun edición especial. O cartel de presentación xa deixa entrever que aposta por un formato reducido -en lata de conserva- que combinará catro concertos de pagamento con actividades de balde vencelladas ao territorio e á cultura popular da zona.

Sés, Zeltia Irevire, Ortiga e Dakidarría son os primeiras confirmacións do 'Revenidas en conserva', que malia o cambio de formato reivindica toda a súa esencia cun cartel de artistas que pon o foco nas músicas do país. Terá lugar os días 10, 11, 12 e 13 de setembro, as datas elixidas pola organización do festival após acordar o seu aprazamento.

De feito, até o vindeiro 25 de agosto, permanecerá activa unha prevenda especial con desconto para todas aquelas persoas que non fixeron a devolución da entrada do Revenidas deste ano despois de anunciar que mudaría de datas e quixeron conservala para 2021. Sés, en acústico, mais o folk e blues/rock de Zeltia Irevire soarán o venres 11 en Vilaxoán.

O día 12 será a quenda da cumbia aditiva de Ortiga e das letras comprometidas de Dakidarría, tamén en formato acústico o sábado 12. Deste xeito, apuntan desde a organización, o Revenidas "conserva a súa esencia" nun evento adaptado a 500 asistentes, que permite adoptar todas as medidas de seguridade necesarias "a prol dunha #culturasegura".

Punto de encontro

O 'Revenidas en conserva' responde á complexidade derivada da crise sanitaria provocada polo coronavirus mais tamén atende ao interese do propio festival por non perder o contacto co seu público nun momento en que o formato orixinal resulta imposíbel de levar a cabo. Con todo, ademais dos concertos de pago, a organización do Revenidas deseñou unha programación complementaria con diversos concertos e actividades de balde, relacionadas co territorio e coa cultura mariñeira da zona.

E coma outros anos, "nesta pequena edición do festival terán oco os habituais showcookings, roteiros e espectáculos de circo". As entradas para os concertos de pagamento poranse á venda a partir do mediodía da vindera terza feira, 25 de agosto na web do festival -www.revenidas.com-.

Comentarios