CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Resurrection Fest: os imprescindíbeis do sábado 8 de xullo

En poucas semanas chega unha nova edición do Resurrection Fest, que se converteu nun dos mellores festivais a nivel europeo de rock, metal e punk. A cita deste ano, volvera a encher Viveiro de metalheads chegados de todos os puntos de Europa, para desfrutar de catro días nos que pasaran 100 bandas distribuídas polos 4 escenarios cos que este ano contará o festival. Con tal cantidade de bandas, agás na  warm up party, é imposíbel non ter que elixir entre ver unhas e outras, así que, se tes algunha dúbida, estes son para min os imprescindíbeis que non deberías perderte.

O sábado 8 é o derradeiro día do Resurrection Fest 2017, e remata, como non podería ser de outro xeito, ao grande. Este día chega cargado de grandes bandas, moitas delas que, sen selo, ben poderían ser cabeza de cartaz. Pola gran calidade das bandas deste día, ocorre tamén que os solapes son máis dolorosos que en días anteriores e a decisión de ver a unha ou outra banda pode depender de múltiples factores. Outro detalle importante a ter en conta este día é que Pentagram caeron do cartel, xa que tiveron que suspender a xira polos problemas coa xustiza do seu líder Bobby Liebling e que serán substituídos por Ufomammut.

Se hai unha banda que tiña moitas ganas de volver a ver en directo, eses son Rancid. Hai 21 anos da última vez que os vin nun dos mellores directos de punk que lembro. Daquelas era o seu primeiro concerto no estado e viñan coa xira do seu terceiro álbum,   …And Out Come The Wolves! mais agora, estarán en directo como unha banda xa consolidada e co seu novo traballo, Trouble Maker, con poucas semanas de vida baixo o brazo. Esta, se a memoria non me falla, será a terceira visita da banda á península e a primeira a Galiza.  Sería un sacrilexio perdelos.

Os suecos Sábaton,son outro dos pratos fortes deste sábado e ben poderían ser tamén cabeza de cartaz. A banda vén a Viveiro co seu espectáculo completo e traen ganas de sacar os tanques ao escenario. Puidemos ver un adianto do que nos espera no Hellfest deste ano e a cousa promete. Serán 75 minutos de power metal e batallas das que probabelmente predominarán temas do seu último traballo The Last Stand.

Os suecos Sábaton son outro dos pratos fortes deste sábado e ben poderían ser tamén cabeza de cartaz

A banda de Death Metal melódico Arch Enemy é outra das propostas imprescindíbeis para este día. Teño especial interese por ver a súa nova vocalista, Alissa White-Gluz, defenderse en directo. O seu último traballo War Eternal  de 2014 foi a presentación de Alissa ás voces en substitución de Angela Gossow. En plástico defende a moi bon nivel os temas, veremos que tal se lle dá o repertorio da banda, aínda que estou seguro que non defraudará e a súa voz gutural fará as delicias de Viveiro.

Obituary, de cuxo último traballo faleivos hai unhas semanas, tamén estarán presentes neste día e case fechando o festival a continuación de Sabaton. Estes popes do death metal presentarán o seu disco homónimo no que Tardy volve a demostrar que ten unha das voces máis poderosas do xénero. 

Teño especial interese por ver a súa nova vocalista, Alissa White-Gluz, defenderse en directo

Para os amantes do black metal, non fai falla presentar so míticos Mayhem. A banda coa historia máis controvertida do black metal, como xa vos contara hai uns meses, e que tocaran íntegro o seu histórico álbum de 1994, De Mysteriis Dom Sathanas. Tanto se che gusta este xénero coma se non, non podes deixar de pasarte polo Chaos Stage para velos, xa que esta é unha de esas bandas que hai que ver canto menos unha vez na vida.

Un dos solapes máis duros deste día o de Agnostic Front con Mayhem. Os estadounidenses son un dos nomes propios na historia do hardcore. Con 37 anos de historias nas súas costas, o seu último traballo foi editado no 2015 baixo o nome de The American Dream Died  no que en pouco máis de 27 minutos concentraban 16 trallazos de hardcore e crossover. 

Os suecos Adhesive, volveron a reunirse este ano na súa formación orixinal após a súa separación en 2002. O motivo desta xuntanza non é outro que facer unha xira para recadar fondos para os doar a asociacións de axuda aos refuxiados e as vítimas dos conflitos. Se ver a esta banda de novo nos escenarios descargando todo o seu punk rock é de por si un luxo, o motivo da súa reunión fai case unha obriga estar na súa actuación. Todos os meus respectos para Mathias, Micke, Geir e Robert. 

Un dos solapes máis duros deste día o de Agnostic Front con Mayhem

Hai pouco máis dun mes falábavos do novo traballo de Mantar titulado The Spell. Este dúo xermano que non para de sorprender a cada traballo estará presente no Desert Stage. Probabelmente o feito de que a banda se solape coa actuación de Lords of Black,  pode que non lle leve todo o público que merecesen, aínda así eu recomendo que non vos perdades a oportunidade de velos en directo, seguro que vos enganchan.

Finalizado este día, remata a edición deste ano do Resurrection Fest. Agardemos que o tempo acompañe xa que a calidade das bandas están garantidas, ben como a diversidade de estilos. Un ano máis, Galiza será o corazón do metal  cun festival que non para de medrar e que se fixo un espazo no panorama europeo.

RESURRECTION FEST NAS REDES

WEB: http://www.resurrectionfest.es/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/resurrectionfest/

TWITTER: @ResurrectionESP

Comentarios