A Rede Cultural 2025 fecha a súa axenda cun programa de 1.184 espectáculos

A Deputación da Coruña realizará un investimento final de 1,5 millóns de euros.
Guadi Galego é unha das artistas que farán parte da Rede Cultural 2025 da Deputación da Coruña. (Foto: Guadi Galego)

Teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema e narración oral entre outras disciplinas guiarán o millar de espectáculos previstos no marco da Rede Cultural 2025 da Deputación da Coruña. En concreto, até o 31 de marzo de 2026, programará 1.184 funcións, nunha axenda que chegará a todos os concellos e comarcas e que contará cun investimento final de 1.521.024 euros.

Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grampoder, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Excéntricas, Guadi Galego, Mercedes Peón, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Pakolas, Los Limones, Os Revenidos, Tam Tam Go!, Silvia Penide, Néstor Pardo ou Nova Galega de Danza son algúns dos protagonistas da programación deste ano.

Catro programas

Todos os espectáculos están dirixidos á dinamización social do galego e completan un catálogo que consta de catro programas. Escena ao vivo, programa de propostas profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música para concellos; integrado por: 847 espectáculos –469 de teatro e monicreques, 264 concertos, 80 de maxia e 34 de danza–. Visións, programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos, que inclúe 64 filmes. Lingua a escena!, programa de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega, para concellos, con 128 actuacións. E Alicerce, programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades, dotado con 145 espectáculos.

A Deputación asume 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5.000 habitantes, 60% nos que teñen entre 5.001 e 10.000, 50% nos de entre 10.001 e 20.000, 40% nos de entre 20.001 e 50.000 e finalmente un 30% nos de máis de 50.001.

Comunidade e emprego

"Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sostíbel e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público", sinala a deputada de Cultura, Natividade González. "A cultura crea comunidade, xera emprego e, sobre todo, emociona e transforma, e desde a Deputación seguiremos traballando para garantir este dereito en todos os recunchos da provincia", asegurou.

Para González, "a cultura é un motor de desenvolvemento social e económico, e este investimento permitirá achegar a todos os concellos da provincia, mesmo aos máis pequenos, un programación diversa e de calidade que reflicte a riqueza e o talento do sector, desde o teatro á música, a danza, o cinema, a maxia ou a narración oral".

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña segue apostando, segundo a deputada, "por un circuíto que tece redes e que, desde a proximidade e en colaboración coas administracións locais, enriquece a vida da veciñanza, ademais de proporcionar un espazo de traballo relevante e ofrecer oportunidades profesionais a compañías e artistas".

A axenda de espectáculos pódese consultar na sección de Cultura da páxina web da Deputación, mentres que a resolución de adxudicación aos concellos dos espectáculos da Rede Cultural 2025 pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 29 de abril.

Comentarios