A Deputación da Coruña entregou os seus 14 premios culturais: quen foron as galardoadas?
O Teatro Colón acolleu esta quinta feira a IV Gala da Cultura da Deputación da Coruña, unha cita que converteu o escenario nun espello da riqueza cultural da Galiza, mesturando raíces tradicionais con visións contemporáneas. A reivindicación do patrimonio cultural galego como ferramenta de futuro foi protagonista dunha gala conducida pola xornalista Susana Pedreira, coas actuacións de Alana e Fran Sieira, e na que encabezaron a representación da corporación provincial a titular de Cultura, Natividade González, e o presidente, Valentín González Formoso.
Os premiados
As persoas e representantes dos proxectos premiados nos certames culturais de 2024 que pasaron polo escenario do Colón para recoller os seus galardóns, unha peza da escultora Soledad Penalta. foron: Torrente Ballester de narrativa para Loli Rodríguez (en lingua galega) e Jose Antonio Bonet (en lingua castelá); Castelao de banda deseñada para Sandra López (modalidade xeral) e Laura Suárez (modalidade LIX); Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil para Érica Esmorís (modalidade infantil) e Rosa Aneiros (modalidade xuvenil); González Garcés de poesía para Gonzalo Hermo; Antonio Fraguas de artesanía para Borja Canedo (modalidade tradicional) e Ezequiel Franchi (modalidade contemporánea); Fran Pérez 'Narf' de música para Carabela: Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero para María Encarnación Otero (premio á traxectoria) e Asociación Andar cos tempos (premio á iniciativa); Jesús Núñez de arte gráfica para Jose Andrés Santiago; e Luís Ksado de fotografía para Vicente Fraga.
Motor cultural
A gala comezou coa benvida da deputada de cultura, Natividade González, que reivindicou a cultura como "o alento que nos permite mirar o mundo con empatía, valentía e alegría", e destacou a forza dun país "talentoso, orgulloso e moi vivo" que atopa na arte "unha ferramenta de liberdade e xustiza".
"Esta é unha cita na que celebrar a nosa cultura, que é moito máis que un conxunto de tradicións, músicas, danzas ou libros, xa que é a esencia mesma da nosa maneira de vivir e de entender o mundo", engadiu.
Pechou a gala o presidente, Valentín González Formoso, que subliñou o papel da Deputación como "motor cultural" e incidiu tamén na dimensión económica do sector cultural, "que supón o 3% do PIB galego e sostén máis de 35.000 empregos", polo que a industria cultural é tamén "un eixo de crecemento económico".

