Contracultura

Raquel C. Pico: "O indicador de mocidade non é tanto a idade senón o contexto que nos empurra a vivir"

Raquel C. Pico (Compostela, 1984) é xornalista e escritora. Agora, despois de escribir moito en medios sobre a que tamén é a súa xeración, publica Millenials, unha xeración entre dúas crises (editado por Galaxia), onde analiza as consecuencias das recensións económicas, así como da pandemia. 
A xornalista Raquel C. Pico publica o seu segundo libro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A xornalista Raquel C. Pico publica o seu segundo libro. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu Millenials, unha xeración entre dúas crises?
Durante toda a década dos 10 escribín bastante sobre millennials como xornalista, que ademais non deixa de ser a miña xeración. Interesábame moito como nos afectou a crise de 2008, mais o empurrón final foi xustamente a da pandemia, porque nos levou novamente ao punto de partida cando parecía que por fin iamos encamiñar a vida.

Quería investigar con máis calma sobre o que dicían as estatísticas e o que a propia xente da xeración quería contarme. Tamén me interesaba analizalo desde o punto de vista galego —lera moitas cousas estadounidenses— e ver diferenzas e similitudes. O que concluín é que a experiencia millennial é bastante parecida nas súas cousas negativas en todas as partes: precariedade, frustración e esgotamento. Ao final, como me dicía unha fonte, a raíz do noso problema —a economía dos anos 80 e 90— é a mesma. 

—No libro fala dos millenials como unha xeración atrapada nunha eterna xuventude precaria. 
Si, porque mesmo a parte máis alta da xeración nin sequera somos a xuventude! Hai un par de veráns falábase de nós como millennials xeriátricas (o que non deixaba de ser gracioso). O da nosa mocidade non é tanto por idade como por como o contexto nos empurra a vivir. 

Coméntoo varias veces no libro e comentábanmo os propios millennials cos que falei: se non podes deixar de vivir cos teus pais e non chegas a final de mes resulta complicado sentir que es realmente unha persoa adulta. Desde os anos 50 usábanse varios fitos como marcadores da adultez e, mesmo se son en ocasións marcadores que parten de certos nesgos cuestionábeis, como que ser adulta implica casar, resulta imposíbel para unha parte importante da xeración millennial alcanzalos aínda que queiran. Pensemos por exemplo en mercar unha vivenda ou ter descendencia. 

—Con todo, tamén pon un punto positivo no que se refire a relacións e a darlle importancia ás cousas que a propia xeración vai decidindo. 
Nos agradecementos do libro falo das miñas amigas e referencio un libro que conclúe que a importancia das amizades para as mulleres foi a grande conquista millennial. Poderíamos debater moitísimo sobre este último punto, mais o que si está claro é que a millennial é unha xeración na que se fixo mainstream elixir moitas máis opcións de vida.

Por exemplo, coa xente coa que falei tocamos o tema de escoller non ter fillos ou de priorizar as cousas que a ti che interesan por riba das que se esperan que fagas. Iso paréceme moi importante e interesante, mesmo se sei que a xeración Z está levando moito máis lonxe que nós —e ben por ela— o de vivir como realmente desexas. 

—No seu anterior libro, Noticias da modernidade, falaba moito sobre as mulleres galegas dos anos 20. Que contraste notou?
O curioso é que cando estaba escribindo sobre as modernas de hai 100 anos pensaba moitas veces: “mira, miñas pobres, que as tratan como millennials!”, porque as críticas que lles facían tiñan un certo eco coas que nos facían logo a nós. En Millennials falo, de feito, de Luisa Carnés e como as súas experiencias post Crack do 29 me resultaban tan próximas lendo desde a precaria xeración millennial. Agora ben, isto non debería servir para dicir que a xente millennials quéixase por algo que outra xeración xa viviu antes. Iso que sempre nos din de que “non vivimos unha guerra”. 

O que se espera é que a xente do futuro non viva o que viviu a xente do pasado. Alén de que as estatísticas demostran que, na comparativa, os nacidos entre os 80 e os 90 perderon poder adquisitivo ou estabilidade financeira contra os nacidos nas xeracións precedentes. A diferencia, iso si, sobre escribir sobre mulleres de hai 100 anos e sobre cousas malas que lle pasan á xente da túa idade é que drena máis a nivel mental.  

Comentarios