Ser madriña na voda da raíña

Naceu na Coruña e morreu en Oleiros. Escribiu letras de cancións en galego e traduciu do alemán. Foi madriña na voda dunha raíña. Foi Eulalia de Liáns.

Eulalia de Liáns. Francisca González Garrido.
photo_camera Eulalia de Liáns

Está próximo, un de setembro, o 172 aniversario do nacemento na Coruña da escritora Francisca González Garrido, máis coñecida por Fanny Garrido e que asinaba os seus traballos literarios ou xornalísticos co nome de Eulalia de Liáns, parroquia do concello de Oleiros onde viviu, no pazo de Lóngara, e morreu en once de setembro de 1917.

A prensa lémbraa pola súa beleza e menos polo seu traballo intelectual, como escritora, tradutora ou autora de letras para musicar. Cóntase que nunha visita da raíña Isabel II á Coruña, esta fixo deter a súa carruaxe para falar con Fanny, atraída pola súa beleza, e prometeulle que sería a súa madriña na voda real. Cando esta chegou, Fanny escribiu á raíña para lembrarllo e foi madriña nesa voda.

As cancións. Fanny escribe; Marcial compón

Coñecida sobre todo pola súa produción novelística en español, foi autora de media ducia de poemas en galego, asinados como F.G. e musicados por Marcial del Adalid, o seu primeiro marido, recoñecido compositor e pianista e o primeiro compositor galego importante de música profana culta cuxas primeiras composicións son interpretadas por volta de 1847, nos intermedios da función desenvolta no Liceo de Barcelona representando Guillermo Tell. No ano seguinte, o 48, tocou, tamén no Liceo, ao piano dúas pezas. Andaba polos vinte e dous anos.

Captura de pantalla (7)Como pianista compuxo un elevado número de pezas para este instrumento, elexías, nocturnos, baladas, impromptus… aínda que o que máis destaca na súa produción é a súa obra para voz e piano. É autor da ópera Inés e Bianca, a primeira ópera de toda a historia operística galega. Foi o iniciador dun novo xénero: a melodía galega. Dentro deste xénero de melodía galega, Marcial del Adalid introduciu nas súas obras os primeiros pasos do nacionalismo ao empregar as melodías populares. É autor dunha colección de vinte e cinco pezas  baixo o nome de Cantares viejos y nuevos de Galicia,  a primeira recompilación musical galega de signo marcadamente nacionalista. A súa ampla biblioteca musical, así como a ópera Inés e Bianca e outros orixinais seus, foron doados á Real Academia Galega. A  Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes leva o seu nome.

Tradutora de Goethe

Mais voltemos a Liáns. Entre a obra creativa de Fanny Garrido destacan as traducións de Goethe que lle achegaron notábel prestixio entre os intelectuais, pois a autora, ademais de amosar os seus coñecementos do idioma, grazas á súa condición de poeta, é quen de superar atrancos métricos ou rítmicos das obras orixinais.

Fany Garrido foi a tradutora da primeira versión española da Viaxe a Italia de Goethe, converténdose nunha adiantada da tradución feminina. 

E foi madriña na voda dunha raíña.
 

Comentarios