Eduardo Soutullo gaña o XV Premio Andrés Gaos

O xurado escolleu como gañadora a obra do compositor galego, que recibirá, como premio, un importe de 6.500 euros. Ademais, a Deputación poderá producir e estrear a súa obra.
O compositor vigués Eduardo Soutullo
photo_camera O compositor vigués Eduardo Soutullo.

O compositor Eduardo Soutullo (Vigo, 1968) é o gañador do XV Premio Andrés Gaos de composición musical da Deputación da Coruña coa súa obra Avnios. Así se anunciou na noite da quinta feira tras o concerto de Arxis Esemble e o encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, Hugo Gómez-Chao Porta, no que tamén participaron José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galiza.

Un xurado composto pola catedrática de música e investigadora, Rosa María Fernández García e pola compositora e compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij; presidido pola deputada de cultura, Natividade González e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu como gañadora a obra de Eduardo Soutullo entre as nove presentadas ao concurso de composición musical. O gañador recibirá como premio 6.500 euros ademais da posibilidade da produción e estrea da obra por parte da entidade.

O xurado destacou a súa consistencia de Avnios na orquestración e o despregue de recursos tímbricos. "A obra amosa un gran coñecemento dos diferentes instrumentos da orquestra, cun bo traballo harmónico e luminosidade estética".

Cómpre lembrar que a metodoloxía deste certame é un dos atractivos para os compositores participantes, "porque non se limita á percepción dun premio; este formato facilita ás persoas finalistas a posibilidade de traballar cunha orquestra de gran nivel como a OSG e de escoitar as súas obras interpretadas pola orquestra; ademais permítelles dispoñer dunha gravación da obra e tamén ter unha interactuación co público e críticos que poden asistir aos ensaios" apuntou o comisario do premio, Hugo Gómez-Chao. 

Eduardo Soutullo

Eduardo Soutullo García (Vigo, 1968) empezou a súa educación musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Despois trasladouse a Madrid e a París para para completar os seus estudos en Harmonía e Composición con Isabelle Duha (Conservatorio d'Issy les Molineaux-XIII de París). Estudou composición musical con David del Puerto, Jesús Rueda, José Luis de Delás Franco (Köln Conservatory), Richard Steinitz (Universidade de Huddersfield) e con Cristóbal Halffter e Tomás Marco (Vilafranca do Bierzo).

Ten un mestrado titulado "A Música en España e Hispanoamérica: métodos e técnicas actuais de investigación", na Universidade Complutense de Madrid, e ten un Doutoramento (PhD) na Universidade de Vigo (tese sobre a música contemporánea española). Foi un profesor no Conservatorio de Vigo e no Conservatorio de Ourense e profesor superior no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela. Foi compositor residencial na Academia española en Roma no curso 2019-2020.

En 2023 concedéuselle o Premio Nacional de Música 2023, do Ministerio de Cultura, polo "unánime recoñecemento internacional da súa música, especialmente a súa produción orquestral destacando a estrea en San Petersburgo da súa cantata contra a guerra O lamento dos xirasoles.

Comentarios