Quempallou disólvese após 18 anos de música e festa. “Marchamos ben contentos”

O grupo folk pon o ramo cun comunicado nas redes a case dúas décadas facéndonos sentir lumes nos pés.

Os Quempallou no seu último traballo
photo_camera Os Quempallou no seu último traballo

“Xa di a copla que o que primeiro comeza primeiro ha de acabar-e, e así queremos hoxe comunicarvos o remate da cumprida xeira dos Quempallou”. Así comeza o comunicado que esta terza feira Quempallou subiu ás redes sociais e polo que dá por finalizada a súa traxectoria, 18 aniños ben cumpridiños de música, festa, baile e o que faga falta. “Marchamos ben contentos co traballo feito e compartido con tanta e tanta xente ao longo de tanto tempo. Só nos resta agradecervos fondamente o terdes estado aí nestes anos, compartindo con nós tantas músicas, bailes e berros de ledicia e rebeldía polo que é de tod@s. Lume sempre”.

Quempallou naceu en abril de 1999 e foi evoluíndo até o sexteto que era na actualidade, cun pé na música tradicional galega e outro na curiosidade e os ollos ben abertos. Fixeron bailar nos terróns da festa, en prazas e rúas, en salóns... Deixan discos redondos, desde aquel homónimo 'Quenpallou? (2002) até o recente 'Quarteirón II' (2016). Polo medio, faíscas musicais como 'Polo Aire' (2007), por exemplo. 

Comentarios