Homenaxe ao pioneiro do cinema galego

Un proxecto itinerante dará a coñecer a obra de José Gil

Exposicións, proxeccións, concertos, presentacións e múltiples actividades conforman a programación que a institución desenvolverá xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia do 24 de febreiro ao 3 de decembro

Presentación do proxecto, onte, en Vigo.
photo_camera Presentación do proxecto, onte, en Vigo.

A rúa do Príncipe, a poucos metros de distancia de onde José Gil montou en 1910 a primeira produtora de cinema da historia da Galiza, converteuse onte no escenario da presentación do proxecto multidisciplinar co que a Deputación de Pontevedra, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia busca arecoñecer e reivindicar a este visionario e pioneiro, que cimentou as bases do audiovisual galego. 

José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937), autor de máis de 150 filmes documentais entre 1910 e 1935, a pesar de ser “o pai do cinema galego”, segue a ser unha figura descoñecida. 

O proxecto multidisciplinar José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema aglutinará presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades vencelladas ao territorio entre febreiro e decembro. 

A programación de José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema comezará nas Neves (24-25 de febreiro) e rematará en decembro (1-3) en Ponteareas e percorrerá amais os concellos de Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín,  Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín e Vilagarcía.

En cada un deles, José Gil ocupará o espazo público durante unha fin de semana, con actividades como o Cinemóbil, que conterá os 16 paneis explicativos que abordan a súa biografía. 

Amais, están previstos encontros coa comunidade educativa, así como a exhibición e presentación de documentais, curtas e montaxes arredor deste pioneiro e a presentación do libro de Manuel González Nos días encantados de agosto. A programación incluirá así mesmo sesións vermut, con música en directo e proxeccións audiovisuais sobre as obras conservadas de Gil, e un documental de 55 minutos de Miguel A. Romero sobre o cineasta. 

Igualmente, estará dispoñible un espazo web con toda a información sobre o cineasta e o proxecto para divulgar a súa figura.

Comentarios