As profesionais das bibliotecas claman contra a "terríbel" situación que sofren

O colectivo de traballadoras e traballadores das bibliotecas galegas di "basta". Denuncian que están a vivir unha situación "terríbel" pola "falta de investimento" das Administracións Públicas, o intrusismo laboral ou o progresivo incremento de responsabilidades e carga de traballo "que recaen exclusivamente sobre os ombreiros das bibliotecarias".

DA-DAS-BIBLIOTECAS-002
photo_camera Actividade infantil desenvolvida nunha biblioteca co gallo do Día do Libro (Foto: Xunta)

O colectivo de traballadoras e traballadores das bibliotecas galegas di "basta". Denuncian que están a vivir unha situación "terríbel" pola "falta de investimento" das Administracións Públicas, o intrusismo laboral ou o progresivo incremento de responsabilidades e carga de traballo "que recaen exclusivamente sobre os ombreiros das bibliotecarias".

A Asociación Profesional de Bibliotecarias Municipais da Galiza, a través do seu vicepresidente, Xosé Luís Alonso, revelan a Nós Diario que o persoal das bibliotecas se sinte "moi maltratado".

"Estamos vendo como a Xunta está contratando persoal non especializado para facer traballos técnicos e, por tanto, con salarios máis baixos que non corresponden coa categoría profesional. Están cobrando menos que un auxiliar administrativo, pero teñen moitas máis responsabilidades", sinala.

As declaracións do vicepresidente da Asociación Profesional de Bibliotecarios encaixan cos datos apuntados  pola estatística sobre bibliotecas que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou o pasado mes de decembro, que revelou que no período 2008-2018, o número de traballadoras especializadas descendeu 35,05%.

"A lei -di Xosé Luís Alonso- é un pouco confusa, e os concellos, baseándose na autonomía municipal, fan o que lles dá a gana", critica.

Máis traballo por menos cartos

Xosé Luís Alonso aclara que esas "responsabilidades" son, no caso das bibliotecas máis pequenas, "o conxunto das tarefas que se desenvolven no recinto, como compras, catalogacións, organización de actividades ou trámites administrativos, entre outras moitas que se están cargando sobre persoas sen a titulación correspondente para aforrar cartos".

"Á parte -continúa- está o tema dos horarios, porque o dun funcionario normal dun concello calquera vai de 8 a 15 horas, pero a unha biblioteca tes que ir pola mañá, pola tarde e tamén moitos sábados, e cada vez máis horas, porque os estudantes demandan que abramos todo o día, o que nos parece moi ben, pero contratando máis xente, porque o noso esforzo está infravalorado ou directamente non se valora nada".

Alonso achaca a maior parte destas situacións á falta de investimentos, e responsabiliza as Administracións Públicas da "desfeita" que están vivindo.

"Entendemos que non se pode vivir só das achegas da Xunta, e que os concellos tamén son responsábeis, mais moitas das nosas bibliotecas dependen das achegas, e sen elas non podemos facer nin sequera un calendario de actividades. E a Xunta recoñeceunos esta situación, pero non basta con recoñecela", apostila.

Desde a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais da Galiza desaproban a "maraña burocrática" que foi tecendo a actual Xunta da Galiza e ese "progresivo descenso" na cantidade das achegas, en contraposición coa situación existente nos tempos do bipartito.

"Non só perdemos máis da metade dos fondos cos que contábamos con respecto ao ano 2008, senón que cada vez se nos esixen máis procedementos administrativos para obter esas axudas. Demandamos da Xunta da Galiza que facilite o acceso ás subvencións, para que  as bibliotecas as poidan obter en tempo e forma, porque o ano pasado non chegamos a tempo ao Día das Letras Galegas", conclúe.

Comentarios