A promotora do concerto de Guns N' Roses en Vigo denunciará o Concello

Live Nation España e Sweet Nocturna afirman que o multitudinario evento "perigou en todo momento" por mor da "mala praxe" do consistorio vigués, contra o que avanzan medidas "xurídicas e legais" por mor do anunciado patrocinio público de 1,9 millóns que finalmente se anulou.
Centos de fans de Guns N'Roses ás portas de Balaídos, a pasada segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Centos de fans de Guns N'Roses ás portas de Balaídos, a pasada segunda feira. (Foto: Europa Press)

As promotoras musicais Live Nation España e Sweet Nocturna, responsábeis de achegar a mítica banda de rock Guns N'Roses ao estadio vigués de Balaídos, veñen de confirmar que levarán o Concello aos xulgados por mor da anulación do patrocinio público de 1,9 millóns de euros, perante a licitación dun contrato que quedou deserta por "non cumprir os requisitos" a única empresa que se postulara, Sweet Nocturna.

Aquilo sucedeu a poucos días dun multitudinario concerto para o que xa se venderan máis de 20.000 entradas e que, por mor diso, ficaba contra as cordas. E todo iso a pesar de que, segundo salienta esta cuarta feira Live Nation a través dun comunicado de prensa, o consistorio vigués "adquirira un compromiso persoal".

O concerto, que finalmente encheu Balaídos de fans e decorreu "con moito éxito", estivo en perigo "en todo momento" debido, aseguran desde a compañía, "á mala praxe do Concello de Vigo". Así, Live Nation e Sweet Nocturna convocan unha rolda de prensa para esta sexta feira co fin de explicar os seguintes pasos a dar para reclamar algo que consideran que lles corresponde.

O que si avanzaron xa é que presentarán as accións "xurídicas e legais" contra o Goberno de Abel Caballero que consideren precisas "para que estas malas prácticas, arbitrarias, non volvan ocorrer polo ben do sector". Xa antes do concerto, que chegou a estar formalmente cancelado, afirmaran que seguían adiante "por respecto aos fans".

Diferentes colectivos do sector en Vigo xa anunciaran nos últimos días, de feito, que elevarán os feitos á Fiscalía para demandar unha investigación de oficio e determinar se o Concello puido incorrer nun delito de prevaricación administrativa, malversación de caudais públicos, tráfico de influencias e incluso falsedade documental, segundo avanzou o xornal O Salto.

Comentarios