Por que Rosalía de Castro?
Antes fixemos Pardo Bazán, Concepción Arenal, Juana de Vega... Ningunha fora levada ao cinema. En 2006 fixera A Bela Otero. Deixei Rosalía para o último porque lle tiña moito respecto. Cría que debiamos agardar un pouco. Pero había que facela.
A que cre que se debe que ninguén abordase antes a súa figura no cinema?
Non teño nin idea. Abráiome de que nunca se fixese nada. E alégrame, porque nós fomos os primeiros. Pero non sei. Hai moi bos guionistas, moi bos cineastas, moi boa produción.
E hai materiais sobre os que traballar.
É verdade. Fixéronse obras de teatro, novelas, música... Por que ninguén a puxera a andar, a camiñar, a moverse, a falar? Pensei que entre que recibín o guión e o momento de facer Rosalía, alguén o faría. Creo que foi un acerto pola nosa banda agardar a facer antes as demais. Comprendemos mellor a época. Aínda que o guión foi o mesmo, podiamos comprender un pouco máis a situación.
Escolleu a etapa madrileña da escritora como corazón da trama. Por que?
Porque é a Rosalía que máis quero recordar. Nesa etapa é todas as Rosalías e ao mesmo tempo é o que quere ser. E Rosalía quere ser antes que nada literata. Ademais é unha Rosalía namorada, no seu mellor momento. É unha Rosalía que comeza, libre. Cando non tes nada que perder, es moi libre. Tamén se atopa nunha encrucillada, porque ela vai resolver a súa vida. Vai comprender o mundo e coñecer o seu home, importantísimo na súa vida. O home importante detrás dunha muller importante.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 300 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]