Cinema

'Taxibol' e 'Habitar', mellores filmes Internacional e Galego nos 19º Premios MICE: consulta aquí todas as gañadoras

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico entregou este mediodía os galardóns da súa décimo novena edición no Museo do Pobo Galego.
Gala de entrega de premios da MICE, en Santiago, este domingo. (Foto: MICE)
photo_camera Gala de entrega de premios da MICE, en Santiago, este domingo. (Foto: MICE)

Taxibol, de Tommaso Santambrogio, fíxose este domingo co Premio MICE ao Mellor Filme da 19ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Un galardón que o cineasta italiano agradeceu a través dun vídeo no que expresou o orgullo de facerse cun premio "nun festival de cinema etnográfico que se enfoca tanto sobre a postura antropolóxica no cinema".

O xurado destacou da película que é "unha proposta impactante e esteticamente portentosa, que explora os límites entre a ficción e a non ficción", e que estabelece unha contraposición "entre un diálogo íntimo, que transcende as barreiras lingüísticas e culturais, e o retrato sutil de relacións cotiás nas que persisten a violencia, o pasado colonial e dinámicas de poder".

Entregou o premio, dotado con 1.000 euros e mais o trofeo, Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, nunha gala celebrada este mediodía no Auditorio do Museo do Pobo Galego e conducida pola actriz e creadora Carlota Mosquera. Un acto no que participaron representantes institucionais, organización e profesionais do ámbito cultural, e no que tomou a palabra a directora da MICE, Ana Estévez, para agradecer a participación e o traballo de todo o equipo e cineastas que participaron nesta 19ª edición.

O xurado, formado por Catherine Barbour, xefa do Departamento de Estudos Hispánicos de Trinity College Dublin (Irlanda); Adriana Páramo, cineasta e fundadora do Galician Film Forum en Londres, e Eloy Domínguez Serén, cineasta e profesor; outorgou tamén unha Mención Especial a Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatić. Un filme que, en palabras do xurado, "fainos convivir de maneira próxima, empática e respectuosa cunha familia mineira en loita" e que conxuga no mesmo retrato "as complexidades dunha comunidade serbia minoritaria, a masculinidade e as relacións interxeracionais".

O Premio MICE ao Mellor Filme Galego foi para Habitar, unha curta de Anxos Fazáns que o xurado describiu como "creativa e luminosa" que "a través dunha narrativa non convencional, ofrece unha perspectiva lúcida e contribúe á visibilidade das experiencias de persoas transxénero e non binarias". Entregou o premio, dotado con 800 euros e trofeo, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela. A cineasta agradeceu o premio e apuntou o seu desexo dun "audiovisual galego libre e diverso e por seguir construíndo eses espazos abertos de oportunidades para todas as persoas".

O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu en El signo vacío, de Kathryn Ramey. O xurado da Asociación Galega de Antropoloxía destacou o "excelente traballo de composición e edición" co que a directora "crea un verdadeiro manual de estilo para o traballo de campo na descrición etnográfica".

O Premio CREA, que entregou Adriana Páramo en representación da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, foi para o filme A Revolución (é) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas. O xurado valorou da película que "a través dun labor de montaxe virtuoso e dun material de arquivo extraordinario" reflexiona acerca da memoria audiovisual dunha revolución moi próxima, da que se celebra este ano o cincuenta aniversario ante o ascenso da extrema dereita no Parlamento portugués.

O Premio do Público, que entregou a deputada de Cultura da Coruña, Natividade González, foi para 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, un filme sobre o fusilamento, durante a guerra civil española, do avó da cineasta, José Caldas, sindicalista e concelleiro socialista.

Continúa a programación da MICE

A programación paralela desta décimo novena edición da MICE continúa esta segunda feira coa formación 'Creación audiovisual con dispositivos táctiles', impartida por Coral Piñeiro e Bruno Arias, cineastas e responsábeis de MICEscola. A actividade formativa, que se desenvolverá de 17.30 a 20.30 horas, está destinada a todas aquelas persoas que teñan interese en empregar o proceso creativo do audiovisual na educación formal e informal.

Xa na terza feira, en vésperas dos festivos de Semana Santa, o protagonista será o público máis novo, as e os pequenos da casa. No marco da MICE Petís, desenvólvese este programa de proxeccións en familia, coa colaboración do programador Severiano Casalderrey. A proposta inclúe dúas escolmas de curtametraxes de interese etnográfico, unha primeira de 3 a 6 anos e outra de 7 a 10 anos. Ambas as dúas pasaranse de maneira paralela, no Auditorio e na Ala Sur do Museo do Pobo Galego, de forma que os nenos e nenas dunha mesma familia con idades diferentes poderán acudir cada un e cada unha á proxección máis adecuada.

As entradas para todas as proxeccións son gratuítas. Toda a información sobre a grella e como conseguilas, na web mice.museodopobo.gal. A 19 MICE conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta da Galiza.