CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

O post black metal alemán chega a Finisterre

Finisterre é o título que leva o novo disco dos alemán Der Weg Einer Freiheit, unha das bandas que máis está a dar que falar no panorama actual do post black metal. A mensaxe apocalítica e escura deste traballo desenvólvese en 45 minutos divido en 5 temas nos que as tebras atrapan o oínte.

Había tempo que tiña nas miñas mans Finisterre,  mais como me soe ocorrer, non foi até a semana pasada cando por fin tiven tempo de escoitalo. Cando comezaba a soar o inicio de Aufbruch, sorprendeume unha voz limpa que dicía: “Non entendo por que doe tanto, e algo interno que me motiva” (“Ich weiß nicht, warum ist das tu weh,  es ist fast ein innerer Zwang, mir dazu treibt(...)”)  máis non era consciente de que ese comezo de dor ía estar presente e medrando en todo o disco. Aufbrauch rompe a tranquilidade da voz solitaria de xeito abrupto poucos despois dun minuto, coa entrada salvaxe da banda e a voz de Nikita apesadumbrada contando como unha voz lle di que marche cos mortos. Non é casual o ambiente apocalíptico que son capaces de crear, xa que é o propio Nika Kamprad, quen ademais de compoñer todos os temas, grava no estudo as voces, as guitarras e o baixo, alén de mesturar o álbum, coa única axuda de Tobias Schuler nas baterías. Isto sen dúbida é o piar fundamental para lograr ese son tan propio e persoal que as cancións piden. 

Aufbruch e un resumo de todo o que é Der Weg einer Freiheit,  eses estilos que imos atopar no resto do disco. Non só polos riffs desgarrados, senón porque ten partes doom no medio que a atenúan antes de volver á potencia. Os pouco máis de 9 minutos que dura o tema dan para moito, máis a canción máis longa é a seguinte, Ein letzter Tanz. Unha derradeira danza que nos seus case 14 minutos chora a morte da súa amada axeonllado perante o cadaleito. Unha grandiosa composición, son só pola súa duración, senón pola beleza que xera esa base black  con incipientes toque de post rock  e mesmo unha influencia moi clara nas súas harmonías da música clásica. Unha verdadeira delicia que convida a ser escoitada unha e outra vez.

Skepsis (escepticismo) é o tema que continúa o disco. Malia que aparecen como dous tracks distintos, Skepsis Pt1 e Skepsis Pt2, pódese considerar un todo. Estes temas ou tema partido é o que conta coas influencias más progresivas, de todo o disco. A primeira parte é unha peza instrumental, moi atmosférica cuxas cadencias construídas a base de eclecticismo son quen de traer algo de luz a tanta escuridade, mesmo que nalgúns pasaxes se afasta totalmente do post black metal  e volve facer patente as influencias de estilos tan dispares que teñen. Na segunda parte entra sen miramentos a voz para espertarnos e traernos de volta a realidade de dor e expresa como a propia Terra expulsa o protagonista dela e non lle permite vivir no planeta, o que é unha mostra de despego da propia vida: Nikita, canta como lle é allea, estraña e non se sinte parte desta vida, nin desta realidade.

Remata disco con Finisterre, tema que lle dá nome ao álbum e que nada ten que ver coa vila galega agás o significado do nome. Neste tema chegou o momento do fin, a destrución total da humanidade pola humanidade, cun canto para que desapareza queimada sen deixar testemuña da súa existencia. Musicalmente é un tema que mantén unha base de black  clásico cos cambios de tempos e atmosferas que xa mostraba nos cortes anteriores onde o doom  e as harmonías clásicas volven estar moi presentes.

Finisterre  é, sen dúbida, o mellor traballo até o momento de Der Weg einer Freiheit,  co que asentan claramente cal é o seu son e cales serán as liñas de traballo de cara aos vindeiros discos. Mostran tamén que como banda non se pechan a influencia algunha, o que fai medrar o seu abano de posibilidades á hora de compor.

VIDEO – Der Weg einer Freiheit – Ein letzter Tanze https://youtu.be/CHttJ8Dvrs0

Der Weg einer Freiheit nas redes

Web: http://www.derwegeinerfreiheit.de/

Facebook: facebook.com/derwegeinerfreiheit

LISTAXE DE TEMAS 

1.- Aufbruch

2.- Ein letzter Tanze

3.- Skepsis, Pt1

4.- Skepsis, Pt2

5.- Finisterre

Comentarios