Pontón pide á Xunta "un compromiso real" co sector do libro

A edición de libros en galego caeu nos últimos anos -en plena crise- 40 por cento. A tradución de volumes para o galego describiu unha traxectoria semellante, 50 por cento menos. Cumpre unha actuación decidida da Administración galega para reverter estes retrocesos. Así o defendeu Ana Pontón esta quinta feira en Vigo, nunha visita institucional á editorial Galaxia. O BNG pede o cumprimento efectivo da Lei Galega do Libro e da Leitura.

ANAPONTON VISITA GALAXIA2
photo_camera Un momento do encontro do BNG con Galaxia

Pontón mantivo unha reunión co presidente e co director xeral de Galaxia -Antón Vidal e Francisco Castro, respectivamente- nun encontro en que lles transmitiu a idea de que, a xuízo do BNG, o sector do libro precisa dun apoio real por parte da Administración pública galega, dado o seu papel clave na conformación de "calquera sistema cultural" e, no caso concreto da Galiza, o seu rol decisivo na normalización da lingua.

A líder do BNG ve o sector editorial no noso país "amezado pola crise económica e polos cambios de modelo coa transformación dixital", mais tamén en perigo "pola falta de políticas públicas de promoción da leitura".

A portavoz do BNG -que acudiu á sede de Galaxia acompañada do parlamentar Luís Bará e dos dirixentes da formación frontista en Vigo Serafín Otero e Manuel Caride- trasladou aos responsábeis da editorial que os catro peares da alternativa nacionalista para o sector do libro son:

  • O cumprimento efectivo da Lei Galega do Libro e da Leitura.
  • A posta en marcha dunha Mesa do Libro como órgao de diálogo con todos os axentes implicados no sector.
  • A recuperación nesta lexislatura dos orzamentos dedicados á promoción do libro e da leitura existentes antes da crise en 2009 (minguaron máis de 50 por cento)
  • A derrogación de toda a normativa contraria á normalización da lingua galega, a comezar polo chamado decreto do plurilingüismo, cuxa posta en práctica penalizou as editoras galegas ao diminuír o número de libros de texto en galego no ensino.

"Se non facemos unha aposta por apuntalar o sector editorial serán outros os que editen os nosos libros. Temos un idioma e unha cultura que precisa dun sector editorial forte para que toda a produción científica, de ensaio e literaria, teñan cabida en lingua galega", dixo Pontón nun encontro coa imprensa realizado na propia sede de Galaxia.

Comentarios