mércores 27/10/21
Actividades na Coruña, Sada, Betanzos, Oleiros, Compostela e Ferrol

A pintura sobre a guerra, 'proxecto singular' da Deputación da Coruña

Na mañá da cuarta feira a sede da Deputación da Coruña acolleu a presentación do ciclo de actividades culturais “Da guerra como arte á arte en contra da guerra”, un evento que pretende reivindicar o papel comprometido e de denuncia das e dos artistas da Galiza fronte aos conflitos armados.
arte contra da guerra 23
Xurxo Couto e Rosario Sarmiento, hoxe, durante a presentación. (Foto: Nós Diario)

O ciclo “Da guerra como arte á arte en contra da guerra”, que se desenvolverá neste primeiro trimestre de 2021, presentárono a coordinadora do proxecto e historiadora da arte, Rosario Sarmiento, e mais o deputado de Cultura, Xurxo Couto, xa que esta área da deputación colabora a través da liña de axudas de proxectos singulares.

"Da guerra como arte á arte en contra da guerra" está organizada pola firma cultural A Forxa e ten como obxectivo achegar á sociedade galega o relato da guerra a través da arte contemporánea da Galiza. Durante a presentación do evento, o deputado de Cultura destacou que o proxecto ten como obxectivo "concienciar a sociedade contra a violencia a través das obras de arte que tratan a temática da guerra e reivindicar o papel comprometido e de denuncia de grandes nomes da arte galega fronte aos conflitos armados". 

“A guerra, os seus protagonistas, os seus escenarios e as súas consecuencias foron na arte contemporánea un tema sobre o que moitas e moitos creadores traballaron, denunciando en diversas ocasións os abusos, as atrocidades e a dor que sempre deixa tras de si calquera conflito armado”, explicou Rosario Sarmiento.

Ramón Parada Justel, un dos compoñentes da Xeración Doente, será pioneiro nesta denuncia en 1899, co cadro A familia do anarquista o día da execución. “O golpe de estado de 1936, coa represión, o terror e a experiencia da guerra civil española serán chaves para o posicionamento e a denuncia de moitos dos artistas que contribuirán á modernidade da creación plástica nas primeiras décadas do século XX en Galiza”, sinala Sarmiento.

Luís Seoane, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto e Federico Ribas denunciaron os responsábeis do golpe de Estado e a dramática situación da poboación civil na represión.

Díaz Pardo, Conde Corbal, Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal, Xaime Quessada, Francisco Leiro, Jorge Castillo, Reimundo Patiño, Xavier Correa, Antón Patiño ou Caxigueiro expresaron o seu compromiso coa sociedade e deixaron a súa mirada fronte á realidade da guerra.

Todos eles percorren o ciclo que bota a andar coas actividades xa programadas na Coruña, Sada, Betanzos, Oleiros, Compostela e Ferrol.

comentarios