CAMIÑO NOIA, CATEDRÁTICA DA UNIVERSIDADE DE VIGO

"O Pergameo Vindel é un orgullo, non só para a cidade de Vigo, senón para toda Galiza"

Un dos acontecementos máis agardados do 2017 era o regreso do Pergameo Vindel a Galiza como parte dunha exposición e un congreso sobre o tema. Pero o asunto está parado por mor das desavinzas múltiples entre institucións. Falamos do tema con Camiño Noia, catedrática de Galego da Universidade de Vigo, que participou no acordo coa Morgan Library Museum de Nova York e organizadora do congreso. 

camiñonoia
photo_camera Camiño Noia, catedrática do Departamento de Galego da Universidade de Vigo

A primavera pasada anunciouse unha exposición no Marco, titulada 'Os tesouros da cidade', que acollería o pergameo e que chegaría en préstamo desde a Pierpont Morgan Library de Nova York. Estaría aberta do 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018. E un congreso académico asociado cos maiores especialistas na materia. Pero a día de hoxe todo isto está no aire. 

pergameo-vindel

- Ti fuches quen impulsou o acordo co Morgan Library Museum de Nova York para traer o Pergameo Vindel a Vigo...
- Cóntoche. Hai que citar a Margarita Ledo e Cipriano Jiménez (do colectivo Pertenza), que nunha visita a Nova York foron á Fundación Morgan onde o viron e preguntáronlle se era posible que viñese a Galiza para facerlle unha exposición. E dixéronlle que si, pero baixo unhas condicións, unha das cales era que o organismo receptor fose unha institución académica. Entón, voltaron e, emocionados, pensaron que debía ser a Universidade de Vigo e pensaron en min, por ser catedrática do Departamento de Filoloxía Galega. Logo implicamos á Universidade e así comezou todo. E Jiménez xa tiña o compromiso da Deputación de Louzán para facerlle unha escultura a Martin Códax, polo que a idea era facer todo xunto: inaugurar a escultura e traer o pergameo. Comezáronse os trámites coa Morgan, con todas as súas esixencias: seguros, transporte, exposición, etc. Comezaron a traballar. Na Universidade dixéronnos: vós limitádevos a facer un congreso importante neses días e nós facémonos cargo do demais. Buscouse o lugar para facer a mostra, finalmente decidiuse o Marco, e o seu director trataba directamente co Marco os pormenores da exposición. 

O Pergameo ten a música das cantigas, cousa que non ten ningún cancioneiro

- Como sería o congreso?
- Nós fixemos unha listaxe de xente moi importante, que viñan falar desde Brasil, de Italia, da USC e da Universidade da Coruña, cos que contactamos para que viñesen. Pero cando tiñamos todo preparado...

- Cal é o problema agora mesmo?
- Non o sei, o problema non o sei. Seica o director do Museo marcha e hai un conflito co Concello, que nin arre nin xo. Desde a Vicerreitoría dinme que estamos en trámites pero a cousa non acaba de aclararse entre as partes. E agora está todo parado. Nós escribímoslle unha carta ao reitor dicíndolle que non podemos ter a xente entrampada. 

- O congreso está paralizado?
- Si, até que nos confirmen que hai orzamento. O convenio coa Morgan parece que está sen asinar. 

Esta xoia, que se atopou forrando un libro de Cicerón, é un dos pregos, é o que escribían os propios trovadores. 

- Como filóloga, cal dirías que é a importancia deste pergameo?
- Primeiro, é un dos únicos pergameos das cantigas. Sabes que as cantigas están recollidas en grandes cancioneiros. E os cancioneiros están escritos no século XVI os dous grandes: o da Vaticana e o cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. Hai un terceiro que está escrito no século XIII, pero ese só ten cantigas de amor. Pero as cantigas de amigo, como son as de Martin Códax, coñecíanse porque estaban recollidas nestes cancioneiros desde o século XVI, pero esta xoia, que se atopou forrando un libro de Cicerón, é un dos pregos, é o que escribían os propios trovadores. E ten a música das cantigas, cousa que non ten ningún cancioneiro. É unha peza importantísima, a partir de aí empezáronse a facer as melodías das cantigas. E só o feito simbólico de que este manuscrito foi feito en Vigo no século XIII é un orgullo, non só para a cidade de Vigo, senón para toda Galiza, porque o que contén está estudado en todo o mundo por grandes codicólogos e por grandes filólogos de universidades de todo o mundo. Fíxate o valor que lle dan na Morgan, que é unha fundación privada. Díxome o outro día Alonso Montero que cando o encontrou Pedro Vindel -chámase así polo libreiro que o atopou- quixo vendelo e Emilio Pardo Bazán fixo xestións co Ministerio daquel tempo para que o pergameo quedase en España pero os americanos deron máis dólares do que lle daban aquí, e o Vindel vendeuno ao mellor postor. Eles sabían o que tiñan entre mans. Sabían que un país que non ten historia, quere ter a historia de Europa e pagaron bastante e téñeno alí en exposición, sen saber nada del, porque na transcrición que lle puxeron debaixo tiñan moitísimas faltas, así que mandámoslle un escrito coas correccións ao que responderon moi agradecidos. Tampouco sabían exactamente que tiñan entre mans, pero parecíalle que era un pergameo medieval que tiña importancia. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en CULTURA