'O libro negro da lingua galega'

Un cilicio durante medio día por cada palabra en galego que "escapase" no seminario

Carlos Callón presentou esta quinta feira, na praza de Cervantes de Compostela, a súa obra 'O libro negro da lingua galega', que fai un percorrido por cincocentos anos de persecución e silenciamento do galego.
Carlos Callón, autor de 'O libro negro da lingua galega', guiou na tarde desta quinta feira un roteiro polas rúas de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Carlos Callón, autor de 'O libro negro da lingua galega', guiou na tarde desta quinta feira un roteiro polas rúas de Compostela. (Foto: Arxina)

Unha antoloxía -até o de agora nunca abordada- de casos de represión do galego, desde finais do século XV até finais do XX. Un catálogo de inxustizas e truculencias que tiñan como obxectivo a lingua e a identidade galegas. 

Carlos Callón presentou esta quinta feira, na praza de Cervantes de Compostela, a súa obra O libro negro da lingua galega, que fai un percorrido por cincocentos anos de persecución e silenciamento do galego. Acompañado polos profesores e investigadores Francisco Rodríguez, María Pilar García Negro e Ramón Mariño Paz, Callón foi debullando un rosario de anécdotas que debuxan un panorama desolador sobre as pexas impostas á lingua a través dos séculos.

Callón fixo fincapé, especialmente, na represión da lingua nos seminarios -"lugares de horror para o galego"- e nos centros de ensino.
Falou, por exemplo, do consello que se lles daba aos seminaristas de empregar un cilicio durante medio día por cada palabra en galego que "se lles escapase". Ou dos castigos físicos e multas económicas que se lles impuñan cando empregaban a súa lingua.
Falou tamén da represión nas escolas, poñendo como exemplo un informe de mediados do século XIX no que, despois de describir o lamentábel estado físico en que se atopan os centros de ensino -en condicións case ruinosas-, faise fincapé na necesidade de castelanizar o alumnado. 

A presentación, á que seguiu un roteiro por algúns lugares de especial simbolismo no que atinxe á represión lingüística, tamén se reivindicou o movemento a prol do uso do galego na Igrexa despois do Concilio Vaticano II (1962-1965). "As persoas cristiás que querían os oficios relixiosos en galego realizaron unha das maiores mobilizacións en defensa da nosa lingua en toda a súa Historia: entregaron miles de instancias á Igrexa, escribiron ducias de artigos a pesar do control da Ditadura, publicaron manifestos... Posibelmente non existiu -e non é hipérbole-outro movemento de defensa dunha lingua tan masivo en todo o mundo", asegurou o autor. 

O roteiro rematou na porta da antiga Imprenta Nós de Ánxel Casal -saqueada polos fascistas despois do golpe de Estado de 1936-, nunha performance-homenaxe ao crego Xesús Carro, quen logrou salvar da queima algunhas páxinas da versión en galego do Códice Calixtino e os dous únicos exemplares que se conservan do último número da revista Nós, que aínda non fora distribuído na altura e que Nós Diario vén de editar en edición facsímile recentemente.

 

Comentarios