Carlos Callón: "Entendín que o libro podía contribuír a falarmos das nosas fraxilidades e limitacións”

Logo de deixar atrás un período complexo, A abertura da boca fecha unha etapa na poesía de Carlos Callón. Centrado agora na cidade de Lisboa e no xénero ensaístico, o escritor vén de presentar en Compostela o seu último libro de poemas.  
Carlos Callón - Marcelo Vegi-min
photo_camera Carlos Callón (Foto: Marcelo Vegi)

Como xorde A abertura da boca?

Eu o que máis escribo é ensaio e poesía. A resposta que rematei por darme a min mesmo de por que escribo estes dous xéneros é que é un xeito de achegarme á verdade. No caso dos ensaios procurando exactitude e no caso da poesía tentando dar palabras a aquelas partes da vida para as cales a linguaxe non chega. A única forma de tentar facer iso é a través do xénero poético. 

Eu vou escribindo poemas e non sei se finalmente van dar nun libro ou non. Cando relín os que levaba escrito durante unha etapa e posteriormente, cando apareceu o título, A abertura da boca, foi cando decidín darlles vida como libro.

Que temas aborda?

Tiña xa unha serie de poemas escritos, mais sempre hai unha peneira desde que o escribes ata que o publicas. Atopei nunha exposición información sobre o ritual da abertura da boca. Trátase dun proceso polo cal, tras a morte dunha persoa no Antigo Exipto, facían que unha momia estivese preparada para recuperar as funcións de falar, ollar, respirar..., para que volvese á vida e desmomificar. De volta á casa xurdiu un poema e, ao escribilo, pareceume a metáfora perfecta do que era o proceso de saída da depresión. Reparei en que, con estes versos, o que procuraba eu, metaforicamente, era abrir a boca, e xustamente coincidía co feito de que abrir a boca é falar, escribir... Vin que ese era o elemento que unificaba todos os textos que levaba escritos. 

Emprega entón o ritual como fío condutor para canalizar o que sentía nese momento, non é?  

Si. Nos tres libros de poesía que publiquei uno o eu lírico co autor, non fago ningún xogo de camuflaxe, a pesar de que é certo que, como dicía Pessoa, o poeta é un finxidor. Eu falo aquí das miñas vivencias, das miñas dores, das miñas ilusións... pero tampouco teñen que aparecer no sentido empírico ou anecdótico, senón que moitas veces son soños ou fantasías. De feito, hai un pequeno poema que é integramente un soño, no sentido de que son as palabras que me dixo un familiar nun soño meu. Anotei as palabras á mañá seguinte e é curioso, porque aínda que o soño é meu, sinto como se estivese plaxiando o meu inconsciente. O que quero dicir con isto, en realidade, é que aí estou eu aínda que non estea sempre anecdoticamente a miña vida.

É un libro que se achega, dalgún modo, á cuestión da saúde mental?

A primeira versión deste libro xa estaba rematada antes do comezo da pandemia. Ía ter outro título e ía ser doutro xeito, pero coa súa chegada decidín pospor a publicación e ao final acabou reformulándose. Dubidei se dalo ao prelo ou non e ao final a miña resposta foi que si, que era o momento de falarmos das nosas fraxilidades. Ao igual que a atleta Simone Biles non gaña medallas grazas unicamente ao desempeño deportivo, senón tamén grazas ao recoñecemento das súas limitacións. Eu tamén entendín que este libro podía ser unha pequena contribución para falarmos das nosas fraxilidades nun momento no cal é necesario falar das nosas limitacións e das dificultades da vida.

Cal cre que é a situación do panorama poético na Galiza?

O panorama é magnífico, o que falta é apoio institucional. É algo descorazonador ver como non podemos mercar  nas librarías libros premiados e recoñecidos. Temos que recorrer a determinados espazos e nunhas poucas vilas para conseguir novidades en galego, mesmo libros que son amplamente recoñecidos. É o que máis me desacouga, ver como podemos facer para saltar  este cerco. Para iso precisamos do apoio das institucións, sobre todo do Goberno galego, que ten que ser o primeiro en apoiar e impulsar a cultura do país. Tamén os concellos e as deputacións, que non sempre están á altura, e o Goberno español, que ten responsabilidades e que dista de estar á altura.

Comentarios