PequeRachada: "Trátase de arrimar as crianzas á tradición, de tocar, cantar e bailar rodeadas de natureza"

Como cada 1 da maio, poderemos ver e escoitar o futuro da música e baile tradicionais grazas á PequeRachada, unha foliada onde as máis pequenas son as verdadeiras protagonistas. Aínda que este ano non poderá ser na Agra de Chans (A Baña), a organización decidiu trasladar o evento ao mundo dixital para poder participar desde calquera parte do mundo. Será a través da páxina de Facebook dos Campantes da Baña, con sete grupos de música convidados e algunha sorpresa máis. Conversamos con Álex de Lañas, un dos organizadores do evento. 
pequerachada
photo_camera pequerachada

A PequeRachada festéxase habitualmente o primeiro de maio na Agra de Chans, na Baña, mais esta edición decorrerá a través de Facebook.

A verdade é que lle demos voltas ao asunto, porque non sabiamos moi ben como facer. Estabamos convencidas de que non se ía poder celebrar, mais decidimos crear algo diferente. Ao final, optamos por facer un evento a través da páxina do Facebook Os Campantes da Baña para que a xente poida asistir virtualmente e desfrutar das actuacións das máis cativas das escolas de música tradicional. 

Que agrupacións participan?  

Contamos con Axio Mouro de Santa Comba, Ximiela de Louro, a Escola de Pandeireta Lembrazas do Tambre de Sigüeiro, a Escola de Pandeireta do OCT Ultreia, as Pandereireteiras Riscadeira de Laraño, a Escola Municipal de Pandeireta de Negreira e os anfitrións, os Gaiteiros da EMT da Baña. Neste evento, que será tamén o primeiro de maio, iremos subindo vídeos das actuacións, de 12 a 15 horas, contidos que nos foron enviando expresamente para este evento, e tamén algún que outro directo que se poida facer. 

Como naceu este encontro onde as máis pequenas son as protagonistas?

A PequeRachada comezou hai sete anos, máis ou menos. Aquí xa tiñamos a Festa Rachada, que é, dalgunha maneira, a nosa festa grande da música tradicional, mais decatámonos de que faltaba espazo para que as máis pequenas, os nenos e nenas das escolas de música, puidesen presentar o seu traballo. Decidimos facer esta festa exclusivamente para elas, as crianzas, para que toquen e se divirtan nun espazo distendido, natural, sen necesidade de ir vestidos de tradicional, sen escenario... 

Procurabamos darlle voz ás crianzas. Pensamos que é unha oportunidade para o convívio, onde a rapazada, que está comezando a tocar, leve mellor os nervios. Deste modo axúdalas a vivir coa tradición, a tocar nun formato diferente, a bailar, cantar... porque non hai público sentado observando o que fas ou deixas de facer... A Festa Rachada tamén é unha festa de merendas, campestre, cun formato de tocar no torreiro, a pé de campo. Pola mañá sempre hai un par de grupos para as bailas e, xa para a tarde, traemos cuartetos e algún grupo que acabe de sacar disco ou que estea de actualidade, encendemos candeas polas árbores e créase un encontro realmente bonito. É perfecta.  Estamos encantados coa afluencia, porque ten moita xente, mais non está masificada. Organizamos a Asociación Os Campantes da Baña, coa colaboración do Concello, a Escola de Música Tradicional mais amizades, familiares, compañeiras... que sempre nos botan unha man para poder, deste modo, organizar todo. 

E como o viven as crianzas?  

As nenas e os nenos están encantadísimos, ademais é unha festa onde convidamos a xantar, onde poden xogar, correr, cantar e bailar sen sentirse presionados. Na última foliada que organizamos, as nais e os pais quedaron felices e sorprendidos vendo o ben que tocaba a rapazada. Hai canteira e hai moitas escolas polo país adiante que traballan moitísimo e moi ben. E trátase diso, de arrimar as crianzas á tradición, que a toquen, que a palpen, que vexan que é bonita e que se pode desfrutar cantando, tocando e bailando nunha área recreativa e rodeadas de natureza, á parte de ir ás romarías ou festas escoitar a Panorama, que tamén está moi ben, ten que haber cabida para todo. E por iso apostamos por este formato, porque é tan bonito e digno como calquera outro.

Comentarios