mércores 03.06.2020

Pepe Galán e Cristina de La Torre triunfan no IX Certame de Curtas da AS-PG

O Forum Metropolitano da Coruña acolleu a entrega de premios do xa tradicional certame organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) nun acto que contou coa presenza de Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña e Xoán Costa, presidente da entidade organizadora dos premios.
Estampa dos gañadores do Certame de Curtas na categoría 'Centros de Ensino' (AS-PG)
Estampa dos gañadores do Certame de Curtas na categoría 'Centros de Ensino' (AS-PG)

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) celebrou na tarde desta segunda feira no Forum Metropolitano da Coruña a gala de entrega de premios da novena edición do xa tradicional Certame de Curtas da asociación.

O acto, conducido pola actriz Isabel Risco, contou coa presenza de numeroso público, entre o que se atopaban Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, ou Xoán Costa, presidente da entidade organizadora dos premios. Nunha pequena intervención, Xoán Costa insistiu na traxectoria da AS-PG no mundo do audiovisual, "tanto no que son creacións propias", que levan facendo desde hai máis de 30 anos con temáticas como a historia e a arte; e afondou na intención de "seguir promovendo as capacidades creativas dos máis novos".

Nesta ocasión, o xurado do IX Certame de Curtas da AS-PG estivo integrado por Xosé Antón Moure, realizador e guionista; a propia Isabel Risco e Eduardo Álvarez, coordinador de medios audiovisuais e especialista en Lingua e Literatura.

O escultor Pepe Galán faise co primeiro premio

Abertos á creación audiovisual de calquera tipo e co único requisito de non exceder os 30 minutos de duración e "xiraren ao redor da literatura, interpretando ou explorando calquera texto de calquera época da literatura Galega", os premios do IX Certame de Curtas da AS-PG divídense en dúas categoráis: xeral e de Centros de Ensino.

Na primeira, o galardón recaeu sobre o escultor Pepe Galán, polo seu traballo Mulleres Muro, unha cinta "conmovedora, angustiosa e violenta ao mesmo tempo",  "marcada pola plasticidade e o simbolismo" que, en palabras do xurado, "transmite como ningunha a intensidade do horror fascista".

Con respecto á categoría de Centros de Ensino, Cristina de La Torre, do IES Macías o Namorado, de Padrón, fíxose co primeiro pola súa curtametraxe Rosalía, quilómetro cero, "unha artística, moi completa e acaída proposta, altamente dinámica e interesante para todos os públicos". 

comentarios