O coronavirus paraliza a cultura galega

Literatura, música, teatro... todos os sectores están afectados.
photo_camera Acabouse polo de agora o teatro na Galiza (Foto: Nós Diario).

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay e a  Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) foron as primeiras vítimas dunha vaga de cancelacións de eventos no mundo da cultura galega que deixa o sector practicamente paralizado.

Así, a Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG), entidade organizadora dos Premios de Teatro María Casares, aprazou indefinidamente a gala de entrega dos premios, que estaba previsto que se celebrase no Teatro Rosalía o 26 de marzo.

O teatro viuse afectado por partida dupla, xa que o I Congreso Internacional de Teatro Galego, que tiña como obxectivo "crear un plan estratéxico e unha lei para o sector que marque a próxima década", e que ía desenvolverse en Compostela entre o 25 e o 28 de marzo, quedou adiado até o 7 de outubro. 

Un pouco máis ao sur, en Verín, a limitación do aforo dos eventos a porta pechada a un máximo de 50 persoas ditada durante o mediodía de onte polo Goberno galego  provocou a cancelación do MUMI, que fora inaugurado tan só unhas horas antes.

Sen saír da música, a Orquestra Sinfónica da Galiza anunciou a suspensión de todas as súas actividades desde o día de hoxe até, en principio, o vindeiro 29 de marzo.

Na literatura e as letras, pola súa banda, a Real Academia Galega comunicou o peche temporal dos servizos presenciais "en cumprimento das medidas de prevención do contaxio do coronavirus", polo que as súas instalacións na rúa Tabernas da Coruña permanecerán pechadas sine die.

Ademais, Galaxia e Xerais, as principais editoras do país, confirman que todas as presentacións de libros previstas quedan canceladas.

Comentarios