Davide Salvado

"Un país que non apoia a súa cultura non está ben culturalmente"

Este domingo quen senta connosco a falar no #VenhanMaisCinco é o músico Davide Salvado, que estes días apresenta o seu último traballo, Lobos.

Davide Salvado no Aniversario de Sermos
photo_camera Davide Salvado, tocando na festa do 5º Aniversario de Sermos

-Como avalías o estado actual da cultura galega?

-A nivel de artistas creo que está moi ben, hai un montón de proxectos e proxectos bonitos e interesantes mais os apoios do goberno son nulos entón creo que non está ben. Un país que non apoia a súa propia cultura é un país que non está ben culturalmente.

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?

-Pois non sei a verdade. Eu normalmente son bastante positivo, pero vendo a traxectoria deste país e a xente e o que se fai no rural... Paréceme un pouco desencantante. Non me gusta poñerme no peor lugar pero penso que se non cambiamos a sociedade e empezamos a votar a outra “cousa” e valorar o que temos... habería que, por exemplo, que deixar de chamar orquestras para as festas das aldeas e das vilas e empezar a chamar a proxectos do país e que a xente valore os espectáculos pagando a entrada e cousas así, que xa noutros lugares e noutros países xa está normalizado; se non se fai iso, isto non se vai solucionar. Creo que en cinco anos non se vai solucionar tan rápido.


-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que podemos ou debemos mellorar?

-A verdade é que me encanta a vosa publicación. É un xornal moi necesario, escrito en galego e moi necesario neste país. Espero longa vida para Sermos Galiza.


 

Comentarios