“O País dos Ananos conmemora vinte anos da crítica, irreverencia e humor das Ultranoites”

Actriz e produtora , Patricia de Lorenzo achéganos ao novo espectáculo da compañía Chévere, a “Ultranoite no País dos Ananos” que presentan como “un cabaré nihilista sobre a Galiza actual”. Os días 25, 26 e 30 de abril e 1, 2, 3, 9 e 10 de maio en Teo, o público poderá asistir a esta visión satírica, humorística e crítica da actualidade que conmemora  vinte anos de Ultranoites. 

Patricia de Lorenzo
photo_camera Patricia de Lorenzo

-Por que o espectáculo conmemorativo de vinte anos de Ultranoites define un “país de ananos”?

Remitímonos ao sentimento de Celso Emilio Ferreiro, a visión tan desencantada que tivo da xente da emigración cando escribiu o seu poemario. Durante vinte anos as Ultranoites foron unha crónica da realidade e, neste tempo, poucas cousas mudaron. Nalgún momento soñamos que podiamos cambiar mais non foi posíbel. Queriamos  que se notara tamén ese sentimento de pesimismo. 

-Pesimismo que impera na sociedade, máis aínda que cando as Ultranoites comezaron. 

As persoas están descridas e é xa difícil confiar en nada. Nada é certo, as persoas saben tamén, a título particular, que unha boa preparación non vai ser garantía de nada. A nós, como xente de teatro, parécenos que temos que conectarnos coa sociedade que vivimos e o que acontece é material para subir ao escenario, para comunicarnos co público. Neste caso, subimos a escena unha sociedade descrida, triste, desmotivada. 

-Eses sentimentos impóñense no sector do teatro, Chévere, con grande suceso nos seus últimos espectáculos, tamén padece a crise?

Outros sectores da sociedade están peor aínda e en moitas comunidades desapareceron completamente as redes de distribución. Chévere é unha compañía que sobrevive e iso está relacionado coa súa cotización á Seguridade Social. As últimas producións tiveron moi bos resultados mais o segredo é a aposta que se fai. Somos compañía residente no Concello de Teo e aquí desenvolvemos moito traballo non tan visíbel para o público como son obradoiros de espectadores, apañando aldea por aldea, accións en colaboración co comercio, propostas para a poboación infantil ou iniciativas no territorio da violencia de xénero. Diversificamos a produción. É triste que unha compañía como Chévere que tivo o seu último espectáculo Eurozone un mes enteiro no Centro Dramático Nacional de Madrid teña problemas para distribuír no país. En Galiza só facemos unhas trece funcións e con iso non se pode sobrevivir. Chévere aposta por ese gran abano de actividades para garantir o traballo estábel dun grupo que imos de 7 a 9 persoas máis empresas subsidiarias durante seis meses. Algo falla cando unha compañía con espectáculos que tiveron tan boa acollida e premios non pode dispoñer dun teatro para facer a tempada cando, ademais, cada vez conta con máis apoio do público. A xente agradece ir ao teatro e que se lle fale de cousas da realidade. Estamos, nese sentido, nun momento de necesario encontro. 

-Chévere contou sempre cun público fiel que foi a máis e as Ultranoites foron especialmente aplaudidas. 

O público foi medrando e nós con eles e ao mesmo tempo foise renovando.  O certo é tamén que facemos teatro popular, o que nos gustaría ver a ós. Procuramos que o que buscamos estea conectado coa sociedade na que vivimos, que reflicta as nosas inquedanzas. Esa é a honestidade coa que traballamos. Cando iniciamos un espectáculo non temos personaxes nin texto, iso é un risco mais é o proceso de traballo que, finalmente, conta coa aceptación do público. Procuramos ser fieis tamén nos á xente que nos sigue e contamos coa intelixencia dos espectadores. 

"É triste que unha compañía como Chévere que tivo o seu último espectáculo Eurozone un mes enteiro no Centro Dramático Nacional de Madrid teña problemas para distribuír no país".

-As Ultranoites son xa sinal de identidade de Chévere, unha maneira de facer que os define. 

Naceron coa apertura da Sala Nasa e con afán de recuperar o teatro de variedades, toda aquela arte menor que tiña o cabaret como referente. Ao pouco comezaron a ter un éxito incríbel aquela combinación de números musicais con sketches. Se un día Juan Carlos rompía unha perna, esa noite estaba xa no espectáculo. Eran tamén o exercicio de rirnos de nós mesmos e esa fórmula foi evoluíndo. Polas Ultranoites pasaron moitos artistas e foi tamén´n un punto de encontro para nós. Usábase tamén´n a arte de “usar e tirar”. Se a cousa ía ben igual saía un espectáculo. Tiveron tamén sempre a compoñente de crónica. Agora axudan a rememorar a nosa traxectoria. Nalgún momento decidimos relaxar mais o público pedía e reclamaba Ultranoites. Incribelmente ao vir para o Concello de Teo aínda foi a máis porque hai moitas máis cadeiras e case sempre se enchen. 

-De todas as Ultranoites destes vinte anos, unha, a do Prestige, tivo unha especial repercusión porque o tempo así o pedía. Foi a de maior impacto?

Foi un dos casos máis relevantes. Alí naceu aquela formación que era a “Década Prestixiosa” que tivo un efecto incríbel e chegamos a facer oito década  máis mais calquera das electoras tiveron moi bo resultado. Case todas saíron ben, a verdade. Foise creando unha equipa base combinada con artistas convidados, quedando cada vez máis compactas. 

-Foron desde o seu inicio un “fenómeno compostelán” e, contra o que acontecía con outros espectáculos, non se distribuían fora. Como foi que decidiron saír do seu territorio?

Desde hai dous ou tres anos comezamos a distribuíla, pensando en primeiro momento en espazos que tiveran ambiente de cabaret. Había xente que viña a Compostela e agradeceu que se levaran a súa cidade. Fomos ao Forum da Coruña ou ao Pazo da Cultura de Pontevedra, no vestíbulo. No caso de “O País dos Ananos” quixemos optar por unha fórmula que valera para todo, no escenario de teatro convencional e en espazos con mesas, o que nos vai permitir levalo a máis sitios. 

"Ten a ver co espírito das Ultranoites, poñer sobre o escenario as cousas como son e rírnonos nós mesmos". 

-Crítica, humor, irreverencia... son elementos imprescindíbeis das Ultranoites?

É o que quere ver a xente. Ese é o contido do que se compón, o que sube ao escenario ademais do ingrediente da música ao vivo.  Á xente gústalle tamén a novidade, a proba, a experimentación. Está ben definilo como espectáculo cómico, crítico, irreverente, un cabaret noso, galego, non unha fórmula importada. 

-Que ten de novo “O país dos ananos”?

Optamos por facer un espectáculo con música orixinal e, neste caso, é a produción do ano de Chévere. Dedicámoslle mes e medio aos ensaios e máis tempo ás letras. Fixemos unha serie de números desde un enfoque máis xeral, non dunha actualidade tan inmediata, partindo do universo de Celso Emilio e Jonathan Swift . Non pensamos que todos sexamos así mais si, digamos, a Galiza oficial. Ten a ver co espírito das Ultranoites, poñer sobre o escenario as cousas como son e rírnonos nós mesmos. 

Comentarios