Operación Ordes, as Letras Galegas con triunfo

Ademais dos actos institucionais, o Día das Letras Galegas conmemórase en asociacións, entidades e, moi especialmente, en centros de ensino. Nos de Ordes, un dos berces do bravú, este venres chegan à final da súa “O.O. Operación Ordes” na que a rapaciada compón e canta en galego. 

Conmemoración instituto de Ordes
photo_camera Conmemoración instituto de Ordes

A “O.O. Operación Ordes” chega con máis de medio cento de participantes é fase final dun concurso no que participou o alumnado de seis centros da comarca coa colaboración do Concello e a Asociación de Comerciantes Acordes. 

Rapaces e rapazas de 8 a 18 anos interpretan trece temas que van do rock-punk à copal, do hip-hop à balada, do pop à música tradicional ou canción de autor. 

O xurado está composto por persoas da propia comarca relacionadas coa música, xa que en Ordes hai recoñecidos representantes de case todos os estilos. Mero -do dúo Mini e Mero e do grupo A Quenlla-, Paula Castenda -da Banda Amigos da Música de Ordes e do grupo Axóuxere Folk- Xosé Bociña -do grupo de rock Zënzar- Anxo Sánchez Regueiro -de Machina, Mamá Cabra e os Festicultores e Olga Raíces, profesora e solista de “Capriccio Vocale”- compoñen o xurado que terá que decidir o nome dos gañadores ou gañadoras nas distintas categorías. A final será o xoves 16 a partir das 11 da mañá e nela intervirá Tania Veiras, ex-alumna do instituto de Ordes e participante no concurso do programa Luar. 

As xoves promesas que resulten gañadoras actuarán aínda nunhas gala final que terá lugar o 31 de maio na Discoteca LP45 de Ordes ás 21 h, unha festa que terá como presentador ao músico e cantante de Cerceda Carlinhos Gende, “Beat Box”. Ordes conmemora así cantando un Día das Letras Galegas que ten presenza en cada un dos centros de ensino do país. 

Comentarios