venres 05/03/21

Olalla Cociña acada o Premio de Poesía Afundación

A poeta de Viveiro vén de facerse coa vixésimo cuarta edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro Pen de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 33 obras. 

OlallacociñaCharoLopez2
Olalla Cociña [Foto: Charo López]

O poemario gañador -titulado 'Vestir a noite'- é, en palabras do xurado, “unha proposta poética ben artellada e consciente da súa macroestrutura. Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos. Cómpre destacar a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos. 'Vestir a noite' achega ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante”.

O xurado, que emitiu o seu dictame hoxe segunda feira, estaba composto por Dores Tembrás, escritora; Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Ana Abelenda, xornalista e crítica literaria en La Voz de Galicia; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado. 

Así definiu a obra gañadora o xurado: "Cómpre destacar a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos. 'Vestir a noite' achega ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante”.

Olalla Cociña Lozano naceu en Viveiro (Lugo) en 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación, obtivo no 2000 o premio de poesía ‘O Facho’. Publicou os poemarios 'As cervicais da memoria' (premio Avelina Valladares 2004), 'aquí (intemperies)' (2006), 'Libro de Alicia' (premio Fiz Vergara Vilariño 2008, editorial Espiral Maior) e 'Ningún precipicio' (Toxosoutos, 2013). A súa obra pódese atopar tamén en publicacións colectivas e diferentes antoloxías.. Entre 2011 e 2015 coorganizou o ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Ten impartido talleres de animación á escritura e á lectura.

O galardón comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela ou Miguel Anxo Fernán Vello, gañador da anterior convocatoria. O premio implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6.000 euros.