50 anos de ofrenda a Rosalía no Domingo das Mozas

A xornalista Nieves Neira foi a encargada de realizar a tradicional Ofrenda a Rosalía de Castro do Domingo das Mozas, homenaxe que este ano fixo o seu 50 aniversario

A xornalista local Nieves Neira foi a encargada de realizar hoxe a Ofrenda Floral a Rosalía de Castro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A xornalista local Nieves Neira foi a encargada de realizar hoxe a Ofrenda Floral a Rosalía de Castro. (Foto: Nós Diario).

A xornalista Nieves Neira foi a encargada de realizar hoxe a Ofrenda Floral a Rosalía de Castro, actividade que este ano fixo o seu 50 aniversario no tradicional Domingo das Mozas, no marco do San Froilán de Lugo.

A corporación municipal, xunto coa oferente, Nieves Neira, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, saíron cun día luminoso da Casa Consistorial até o Parque de Rosalía.

O percorrido fixérono acompañados da agrupación de música tradicional Berros do Castro, procedente de Ferrolterra, a encargada de interpretar o himno galego ao remate do acto.

Ao pé da estatua a Rosalía, Neira arrancaba a homenaxe citando a voz de Uxío Novoneyra, nun recoñecemento tamén á cidade de Lugo: "'Iles escuramente saben que eiquí inda sigue Galicia fortemente reconocible i enteira', dicía, el, que a Lugo sempre se desviaba nos seus arrodeos pola amada xeografía do Courel a Compostela".

"Sei, sabemos", afirmaba Nieves Neira, "de aí a honra, que actos coma este debuxan, manteñen nidio o noso perfil, inda que sexa entre nebras". 

"Para mil outonos máis"

O Parque de Rosalía, que fai 100 anos, "non sempre se chamou así", lembrou a xornalista durante o seu discurso, "pero quixo a historia coincidir coa memoria, que fose a corporación republicana da cidade a que cambiase o nome de Alfonso XIII por Rosalía de Castro".

E continuaba, ao enxalzar a vida e a obra rosaliana: "Ante todas as memorias talladas, ante todos os lagos, cascadas, torrentes, veigas froridas, valles, montañas arrasadas, ante as mentiras da gran mentira de non ser noso todo o gozo: exténdense as árbores da túa voz, nomea o teu nome". 

Para pór o ramo, a oferente remataba o acto citando uns versos da propria autora, que encaixou entre as súas palabras: "Para mil outonos máis, que é agora o tempo no que volven as follas e as festas, o que un nome nomea para toda a novidade do mundo. Pois que as follas caian no domingo das mozas como amores soaves / que nin inda vir se sinten / nin se ve cando entraren, que as festas nos leven de novo ao muíño dos castañares."

Comentarios