Olga Novo: “O mellor que se pode dicir de 'Os eidos' é que hai poesía profunda”

Olga Novo é profesora de Lingua e literatura. Especialista por profesión, mais sobre todo por paixón, na obra de Novoneyra, preparou  para o coleccionábel Aí vén o maio! de Nós Diario este este fascículo centrado na obra que é o cerne poético do noso autor. Falamos con ela sobre as chaves de 'Os Eidos'.


 

 

Olga Novo-min (1)
photo_camera Olga Novo en Vilarmao, co Courel ao fondo.

Di vostede que Os eidos foron desde a súa publicación e seguen a ser na literatura galega a gran chave dos campos. Aclárenos un pouco isto.

A expresión “a chave dos campos” reformula o título dun libro do surrealista André Breton, La clé des champs, chave do pensamento de vangarda, como a poética de Novoneyra é chave de avanzada que abriu portas na nosa literatura ao traer a primeiro plano o arredado mundo da montaña, o canto ecoloxista de respecto aos seres todos, a imponente beleza do mínimo, o ritmo idiomático que impregna os labores do campo, dignificándoos e dotándoos dunha extraordinaria altura poética.

No fascículo que mañá se publica podemos ler que n´Os eidos o poeta se manifesta como un especial interlocutor, pois ademais de ser un mediador entre as cousas e o humano, éo tamén dándolle voz a un mundo que se extingue. En que consiste esa mediación?

Novoneyra ten falado da total apertura da conciencia cara ás cousas e da fluencia das cousas cara a el, un proceso dialóxico e fusional. Pero a mediación é, (tan só), Amor. Porque manter na palabra escrita e dita, pensada e recitada, un mundo que se esfarela é unha actitude vital de resistencia, de ancoraxe no pensamento utópico que procura incesantemente unha doada certeza: a da perduración da vida libre fronte aos poderes que fan da pasividade unha forza tanática. Pobos pobres que se foron quedando nos ósos, dinos Novoneyra, con sabia conciencia crítica.

Finalmente, como animaría un lector, unha lectora de Nós Diario a ler, ou reler, Os eidos?

Creo que o mellor que se pode dicir de Os eidos é o mellor que se pode dicir dunha gran obra: que hai poesía profunda. A que se experimenta antes de ser escrita. A que nunca nos deixa indemnes trala lectura porque nela hai verdade porque hai beleza e hai beleza porque hai verdade.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios