Música, cinema e deporte na natureza xuntaranse no The Wild Fest de Oia, en Vigo

Sés, Zeltia Irevire, Ángel Stanich e Biznaga encabezan o cartel musical.

Ce Orquestra Pantasma na edición do The Wild Fest do ano 2022. (Foto: The Wild Fest)
photo_camera Ce Orquestra Pantasma na edición do The Wild Fest do ano 2022. (Foto: The Wild Fest)

Esta sexta feira, 23 de xuño, comeza a quinta edición de The Wild Fest. O festival, que decorrerá no Merendeiro de Oia, en Vigo, é unha das propostas máis singulares do verán, pois combina un potente cartel musical con actividades únicas como proxeccións de cine medioambiental, carreira canina e xincana de orientación.

O apartado musical é un dos máis rechamantes do cartel, con importantes artistas nacionais e estatais. Ángel Stanich, Sés, Biznaga e Supernatural actuarán o sábado, mentres que Zeltia Irevire subirase ao escenario para pór música ao vermú do domingo.

Na sexta, véspera de San Xoán, tamén haberá música, coa final do concurso de bandas locais SALVAXESONS, no que participan Carla Lourdes, The Mob Swing, Blue Merrow, Abrigo e The Mirror. Os máis festeiros poderán continuar, tanto a sexta feira como o sábado, con sesións DJ despois dos concertos.

Cultura, deporte e medio ambiente

Baixo o lema “Festival na natureza”, The Wild traballa desde a súa primeira edición en organizar actividades de promoción e aprendizaxe sobre sustentabilidade e coidado da contorna.

Exemplo disto é o certame de cine The Wild Cinema, que este ano proxectará máis de 20 curtametraxes internacionais, chegadas dalgúns dos festivais de cine máis importantes do mundo, así como producións galegas. O fío condutor da programación deste ano é a beleza e as consecuencias da acción humana nos mares e ríos.

Tamén haberá actividades de ocio activo na natureza que poñen ás persoas en contacto directo do Parque Forestal de Oia mentres se realizan actividades deportivas de lecer. The Wild Fest mantén Orientaventura, proba de orientación, e renova a súa oferta con Wild Dog Race, unha carreira e andaina de 5 km na que as persoas participan acompañadas dos seus cans.

Actividades en familia

Os nenos e nenas son benvidos en The Wild Fest e acceden de balde ata os 14 anos. Para eles e elas o festival prepara todos os anos unha programación específica de espectáculos e obradoiros. As crianzas que asistan o sábado atoparán un espazo de xogos populares guiado por Miudiño e un obradoiro téxtil.

A maior parte de actividades para familias concéntranse no domingo, cando nenas e nenos gozarán da actuación do malabarista Simplemente Enricco e a sesión de contacontos do Bardo Abelardo. Tamén haberá outra sesión do obradoiro de creatividade con teas impartido por Felicetta Gualtieri e un bloque de The Wild Cinema pensada específicamente para cativar a cativada.