O documental galego '10 de Marzo' premiado no Festival Internacional de Cine Documental en Buenos Aires

O documental 1'0 de Marzo', dirixido polo vigués Roi Cagiao foi premiada cunha mención especial na categoría de Longametraxes Internacionais no Festival Internacional de Cine Documental DOCA, que tivo lugar na cidade de Bos Aires do 29 de Xuño ao 5 de Xullo.
Recreación dun intre da manifestación reprimida pola Policía Armada franquista. (Foto: Aigi Boga para o filme '10 de marzo')
photo_camera Recreación dun intre da manifestación reprimida pola Policía Armada franquista. (Foto: Aigi Boga para o filme '10 de marzo')

O filme 10 de marzo vén de acadar un premio importante no Festival Internacional de Cine Documental DOCA de Bos Aires, no que competía na sección de longametraxes internacionais conseguindo a ‘mención especial’. O xurado do festival resaltou a calidade e impacto deste traballo cinematográfico. 

Tras a grande acollida na súa estrea en cines na Galiza en novembro pasado, e despois de permanecer seis semanas consecutivas en salas, 10 de marzo continúa a súa exhibición en diferentes concellos e festivais. No mes de maio estivo na selección oficial do Festival de Cine Político de Bos Aires e na Sala Berlanga en Madrid dentro da selección de documentales do certame SGAE Documental. 

O documental, producido pola produtora Arthur Gordon e dirixido polo cineasta vigués Roi Cagiao artéllase arredor de entrevistas a unha ducia de protagonistas dos sucesos de Ferrol de 1972, entre os que se inclúen líderes sindicais da época no estaleiro Bazán -actual Navantia Ferrol-, distintos dirixentes e activistas de CCOO e do PC, así como algúns dos denominados "cregos roxos". 

Punto de inflexión

Ademais das entrevistas, o filme constrúe o seu discurso a través de imaxes de arquivo, algunhas inéditas, e recreacións de época dalgún dos momentos que se narran no documental. 

Para Roi Cagiao "estes feitos supuxeron un punto de inflexión na sociedade galega, un avance na toma de conciencia da mesma e de oposición á ditadura. Pola súa trascendencia e alto grao de heroísmo, violencia e traxedia dos feitos merecen ser contados [...] A nosa intención última é indagar sobre a etapa aínda por explorar do tardofranquismo, que explica en boa medida a Galiza de hoxe". 

Comentarios