O festival de jazz de Vigo abre a Academia de Sons

Un novo espazo para abrir o jazz a novas audiencias é a principal novedade do 9º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, que se desenvolve do 28 de xuño ao 6 de xullo e que dirixe o compositor e pianista Nani García. A Academia de Sons é unha iniciativa que conta con concertos didácticos, talleres e proxeccións dirixidos a públicos de diferentes idades e intereses, con especial atención aos máis novos. 

Odaiko
photo_camera Odaiko

Odaiko Percussion Group abren a Academia o vindeiro 1 de xullo detrás do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) a partir das 12h. Odaiko nas rúas é un espectáculo formato "en familia", no que se pode ver unha divertida proposta escénica con moito humor. Os músicos de Odaiko, que sempre impresionan tanto nos seus concertos como nas súas propostas didácticas, intentan que o espectador faga unha autoreflexión sobre o convencional, reeducando así o inxenio. Nun espazo ao aire libre e con entrada de balde, a proposta de percusión de Odaiko está pensada para que nenas, nenos e persoas adultas partillen unha experiencia musical.

Espazo lúdico e formativo

A proposta da Academia de Sons ten un obxectivo principal: ofrecer un espazo lúdico e formativo para un público amplo con ganas de actividade dentro dun festival de financiamento público e municipal. Un laboratorio de ideas, música, xogos, interpretación. Con esa premisa durante a semana terán lugar o obradoiro de improvisación de Chefa Alonso (martes 2 de xullo), o "Cacharrófono" ou construción de instrumentos para público infantil a partir de cacharros de cociña (mércores 3 de xullo), o obradoiro de instrumentos de manivela de Germán Díaz (xoves 4 de xullo) e o obradoiro de cabaré-jazz para xente adulta impartido pola actriz Iria Pinheiro (venres 5 de xullo). Todos eles, con prazas limitadas, inscrición previa no teléfono gratuíto 010 do concello de Vigo e con sede no Laboratorio das Artes do MARCO.

Esta particular academia do Festival Imaxina Sons pechará cunha estrea de cine en Vigo: a película documental Kids & Music (Auditorio Municipal do Concello de Vigo, 6 xullo, 11h). Nenas e nenos da Escola de Sant Andreu, en Barcelona, dannos unha lección de como vivir a música. Pensada para sorprender a todos os públicos, sen dúbida anima a todas aquelas rapazas e rapaces que se están iniciando na música . O que lles acontece a estes novos músicos, de entre 6 e 18 anos, dirixidos polo músico Joan Chamorro e tocando ante grandes audiencias, parece un milagre. Pero non o é; acontece en Cataluña e supón un modelo de experiencia tan singular como admirada en todo o mundo. 

Toda a info da Academia de Sons: http://www.imaxinasons.com/academia-de-sons/

Comentarios