Máis

O bo sabor do verán

Das vieiras de Cambados ao carneiro de Moraña. Un mes cheo de festas gastronómicas que se reparten por Galiza.
vieira web
photo_camera Vieira fresca empregada para as elaboracións das receitas de Festa da vieira de Cambados. (Foto: Turismo Rías Baixas)

Mollar a palleta, ser de bo dente ou quedar como un Pepe, non son poucas as expresións referidas á relación entre a gastronomía, a xente e o país. Igual que tampouco queda curto o número de festas que poñen en valor os alimentos propios de cada localidade.

Este é o caso da Festa da vieira de Cambados (O Salnés) que desde mañá ao domingo mestura degustacións, concursos gastronómicos, demostracións culinarias... Unha unión entre a hostalaría local e cociñeiras e cociñeiros consolidados que, a prezos populares, ofrece unha ampla variedade de formas a través das que achegarse á vieira. Con até seis receitas distintas na última edición da festividade.

En Moraña (comarca de Caldas), a oferta gastronómica aposta pola tradición, celebrando a Festa do carneiro ao espeto. O día álxido é o 30 de xullo, mais a festa xa comezou o día 2 cunha andaina e este sábado haberá unha degustación gastronómica do carneiro amenizada con música. O 30, grupos de amizades reuniranse na Carballeira de Santa Lucía para xantar os lotes de carneiro -que se deben pedir previa reserva-.

Na celebración desta festividade outórgase especial recoñecemento a Eduardo Fariña, emigrante retornado e especialista na preparación de asados. De feito, a clave desta festa atópase no estilo tradicional de cociñar o carneiro, con leña de carballo e durante aproximadamente 7 horas. De teatro a música pasando por espectáculos e monólogos -Quico Cadaval, o 30 de xullo-, a cultura e a gastronomía unidas desde o 2 de xullo até finais de mes.

Se aínda hai fame, pódese desfrutar de bo viño na Festa da Fonte de San Vicente en Lugo (29 de xullo) e na Feira do viño do Rosal (14 ao 16 de xullo), ou rematar coa sobremesa na Festa da bica da Pobra de Trives (29 de xullo).

Comentarios