O amor reina no fin de semana rosaliano en Allariz

Todo é amor en Allariz. A fin de semana do 22 ao 24 os astros conxúganse para converter o concello en “Vila e corte romántica”. Comercios, entidades, hostelería e o propio Concello poñen todo da súa parte para que sexa o amor o que trunfe. Rosalía, especialmente agarimada por quen ilustra a súa obra.
Detalle do cartaz de El Patito Editorial
photo_camera Detalle do cartaz de El Patito Editorial

De títulos amorosos está completo o programa “Allariz. Vila e corte romántica”, unha das moitas iniciativas orixinais que nacen no concello ourensá co fin de atraer visitantes e compracer á veciñanza. Tapas de namorados xa desde venres e un amplo programa para sábado e domingo convidan a visitar Allariz e gozar tamen da fin de semana romántica que ofrecen os seus establecementos hoteleiros.

Rosalía, agarimada

Tamén Rosalía será agarimada de maneira especial en Allariz esta fin de semana. O selo El Patito Editorial organiza un acto no concello ao que leva a todos os autores da súa colección da obra ilustrada da escritora. Aproveitan tamén para presentar o último número da colección, o “Cantares Gallegos” ilustrado por Pepe Barro, no ano no que se conmemora o 150 aniversario da súa publicación. Fausto, Álvaro de la Vega, Manolo Figueiras e Xurxo Alonso, ilutradores dos outros libros da colección “Rosalía de Castro: Poesía completa ilustrada” estarán tamén presentes nun acto que contará coa presentación en exclusiva de Narf do seu traballo “Nas tardes escuras”, baseado en poemas de Rosalía que publicará tamén El Patito Editorial. Será na Torre Lombarda ás 20 horas, despois de que Magín Blanco ofreza o seu espectáculo “A nena e o grilo” na Fundación Vicente Risco ás 18:00 horas, entidade que se compromete co amor de fin de semana cun novo concerto do seu ciclo “Música con risco”, desta volta Fdz- e Quintá, por volta de medianoite no Roi Xordo.

Para o domingo, a actuación de Ars Anterga ás 12.30 na Praza Maior con lectura e Rosalía pechará o singular programa dun fin de semana cheo de emoción.

Comentarios